SEGURIDADE VIAL

Vilar de Santos concluíu o programa de mellora viaria

O Concello destinou a estas intervencións un total de 244.000 euros

Pista pavimentada na localidade de Mosqueiro, no Concello de Vilar de Santos.
Pista pavimentada na localidade de Mosqueiro, no Concello de Vilar de Santos.
Vilar de Santos concluíu o programa de mellora viaria

O Concello de Vilar de Santos rematou os proxectos incluídos no Programa de Infraestruturas. As actuacións, que contaron cun orzamento de 244 millóns de euros, baseáronse na renovación e mellora das vías e infraestruturas públicas do municipio e leváronse a cabo no último trismestre do pasado ano 2016.

Dentro do Plan Marco destináronse 49.000 euros á mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias nas localidades de Laioso, Outeiro, A Venda, Castelaus e Casas da Veiga. Tamén se destinaron 42.350 euros ao acondicionamento de 15 quilómetros de camiños agrícolas da concentración parcelaria. Con esta actuación buscouse evitar as consecuencias dos encharcamentos e desbordamentos de auga para así manter a actividade agrogandeira do concello. No Parque Empresarial de Santa Marta executouse un proxecto de 25.600 euros para mellorar as conexións coa estrada OU-1114 e 50.000 euros foron destinados á mellora de accesos no Mosqueiro, Parada, A Venda e Toxediño.

Actuouse, mediante captacións e obras nos mananciais, sobre o subministro de auga de Parada, que abastece á propia localidade e a Outeiro, O Vieiro, A Ponte, O Mosqueiro e Castelaus. A inversión nesta acción sumou 25.000 euros.

Así mesmo, realizáronse accións adicionais coma traballos de desbroce de aldeas e espazos públicos, mantemento de camiños forestais e cortalumes e limpeza dos regatos e desaugadoiros. Por outra banda, o Concello tratou de recuperar camiños tradicionais e sendeiros. A finalidade desta acción é a de mellorar as posibilidades de conservación e uso destes sendeiros para así dar a coñecer o medio natural e patrimonial do municipio. Actualmente cóntanse con 19 quilómetros de rutas aptas para gozar camiñando ou en bicicleta nas localidades de Castelaus, Ruxidoiro e Parada.