A LIMIA

Xinzo arranxará as pistas de acceso ás fincas da parcelaria

<p></p>
photo_camera Unha das zonas de concentración parcelaria nas aforas de Xinzo de Limia.

Investirá 60.000 euros e a primeira fase acometerase nos viais de Seoane, Moreira e A Lomba

A través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural, o Concello de Xinzo investirá preto de 60.000 euros na mellora da capa de rodadura das pistas de acceso ás explotacións agropecuarias. "No ano 2016 priorizamos o acceso ás explotacións gandeiras", sinala Manuel Casas, tenente de Alcalde de Xinzo de Limia. "E no presente exercicio 2017 e para o vindeiro 2018, elaboramos este novo proxecto no que incluimos entre seis e sete quilómetros de pistas. Actuaremos sobre oito vías, nas que abordaremos a limpeza das cunetas e a mellora da capa de rodadura, co obxectivo de que se poida acceder dunha maneira óptima ás fincas correspondentes", engadiu Casas.

O tenente de alcalde e concelleiro de Obras de Xinzo sinalou que, "por deixadez ou por desidia", non se fixeron rampas de acceso ou "salvacunetas" en moitos casos, e éstas remataron por desaparecer. " "Que se fagan as cunetas é a garantía de que o firme da pista quede en condicions, xa que a través delas, faise a drenaxe da auga", sinalou o edil . "No ano 2016, cando abordamos o arranxo das pistas, recomendouse aos propietarios que fixesen rampas de acceso ás fincas, con tubaxe e pasos para tractores e colleitadoras, tanto de cereal como de pataca.

Este é un dos compromisos que teñen asumido os particulares nestes intres, para que as pistas teñan un uso axeitado e duración no tempo. A data límite de execución da obra será o vindeiro 31 de decembro de 2018. A primeira fase, que se abordará antes de final de ano, incluirá as pistas de Moreiras, a Lomba e Seoane. A segunda será sobre as pistas de Solveira, O Raposo, Ganade, Damil e Lamas. 

Te puede interesar