DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Xinzo renderá homenaxe a Manuel María coa venda de libros, música e danza

Os actos centrais do dia das Letras Galegas terán lugar na Praza Maior da vila e na praza
Otero Predrayo

O Concello de Xinzo de Limia ven de facer público o programa de actos para a celebración do vindeiro día das Letras Galegas. Durante todo o día, estarán a venda exemplares escritos na lingua de Castelao na praza Maior, cun desconto especial do 10 por cento, por deferencia da librería Galaica.

Ás doce da mañán arrancarán os actos oficiais de homenaxe cunha breve reseña biográfica de Manuel María Fernández Teixeiro e a lectura dunha escolma da súa antoloxía poética,que correrá a  cargo da asociación cultural teatral "Aneis". 

Media hora máis tarde terá lugar a audición de varios temas musicais compostos sobre poemas de Manuel María. Escoitaránse cancións de agrupacións tan senlleiras como Fuxan os ventos ou A quenlla, e cantautores de talla de  Suso Vaamonde, Roi Casal, María Manuela ou Marlen Rodrigues. Pola tarde, o día das Letras Galegas na vila limiá pecharáse coa actuación da escola municipal de gaitas do Concello de Xinzo de Limia, cun tradicional baile rexional interpretado pola Asociación de mulleres rurais de Santa Baia de Montes. 

O vindeiro martes homenaxéase en todo o territorio da comunidade autónoma galega á figura do escritor e poeta Manuel María Fernández Teixeiro, un lucense de Outeiro de Rei que naceu un seis de outubro de 1929 e finou na capital herculina o oito de setembro de 2004.

Te puede interesar