OCIO

Xornada de educación e xogos para familias no centro O Viso

Lodoselo2_result
photo_camera Unha das actividades das que disfrutaron os nenos foi a de amasar o pan.

Un cento de persoas participaron na clausura do Programa de Educación Infantil Familiar en Lodoselo

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, ubicado en Lodoselo, celebrou durante a tarde de onte a segunda xornada de encontro e convivencia entre as familias e cativos que participaron, ao longo de todo o curso escolar, no Programa de Educación Infantil Familiar na Limia. Nesta iniciativa, desenvolvida pola entidade e coordinada por unha mestra especializada en psicopedagoxía, participan cativos de varios concellos da comarca da Limia, eaos que se suma tamén o de Cualedro, acompañados polas súas familias.

Trátase, por unha banda, de que os pequenos leven a cabo experiencias vencelladas coa psicomotricidade ou desenvolvemento sensorial e, pola outra, de que os pais "reflexionen sobre a crianza dos cativos", tal e como explica Lucía Novo, responsable do Programa Infantil Familiar. "Creamos un punto de encontro no que os nenos xogan e se desenvolven libremente e as familias comparten conversa e diálogo", engade. 

Durante a xornada de onte, máis dun cento de persoas, entre pais e fillos, procedentes de Sandiás, Trasmiras, Sarreaus, Xinzo de Limia, Baltar, Os Blancos e Santa Baia, participaron nas actividades do "Pobo Escola". É un dos espazos que ofrece o centro de Lodoselo e mediante o que se procura achegar aos mais cativos á realidade do mundo rural e natural co obxectivo de contribuir ao seu crecemento didáctico. 

A xornada comezou pasadas as 17,00 horas. Os participantes foron divididos en seis grupos con distintas cores. Maiores e pequenos, repartidos en varias quendas de 15 minutos, realizaron actividades como a elaboración de pan, xogos de auga, paracaídas, obradoiros artísticos ou paseos en burro. O evento pechouse cunha merenda para todos os participantes. 

Para a realización das actividades colaboraron mais dunha docena de voluntarios procedentes do propio centro e doutros pobos da comarca. "A presenza de voluntarios é fundamental para que podamos levar a cabo todas as actividades que plantexamos dende o centro", sinalou Lucía Novo. 

Te puede interesar