Os axentes da Garda Civil e da Policía Local modificarán o seu horario para mellorar a cobertura nocturna

Os efectivos de seguridade reforzaranse na Festa do Boi

Roberto Castro, Francisco García, Maximino Jardon e Bernardo Varela.
O Concello de Allariz acolleu onte a reunión da Xunta Local de Seguridade onde se amosou unha baixada importante das infraccións nos tres primeiros meses do ano. Así o corroborou o rexidor alaricano, Francisco García, que presidiu a xuntanza co subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García. No encontro deuse conta dos informes avaliativos dos datos que en materia de seguridade se produciron nos primeiros tres meses do ano 'e que amosan ratios de seguridade máis altos que na media galega ou mesmo estatal', subliñaba o rexidor nacionalista.
Roberto Castro valorou positivamente os resultados expostos: 'Isto reafirma o bo traballo desenvolvido polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local', pero matizou que, 'a pesares das boas estadísticas, non debemos baixar a garda e precisamos manter o nivel de esixencia na seguridade dos cidadás'.

A celebración da Festa do Boi, así como o resto da programación municipal para o verán, centrou unha parte da reunión e onde, tal e como subliñou García Suárez, 'acordouse reforzar o servizo de vixiancia, tanto pola Garda Civil como pola propia Policía Local', que verán modificado o seu horario para mellorar a cobertura nocturna durante as datas da popular festa.

Te puede interesar