ALLARIZ

Os socialistas de Paderne critican a falta de políticas de conciliación

"En Paderne non se adoptan medidas que faciliten a conciliación dos pais e das nais", reflicten dende a formación do PSdeG-PSOE

Os socialistas de Paderne critican a falta de políticas de conciliación

O grupo municipal Socialista vén de criticar a despreocupación do PP de Paderne pola educación. Segundo din, esta falta de interese demóstrase en que "a día de hoxe non se adoptou ningunha medida que favoreza a Paderne en materia educativa". Explican dende a oposición socialista, que neste ano se pechou a escola infantil por falta de nenos, e critica que o grupo de goberno municipal non fixera nada para que non se chegase a esta situación.

"En Paderne non se adoptan medidas que faciliten a conciliación dos pais e das nais", reflicten dende a formación do PSdeG-PSOE. Segundo estiman, o desleixo do PP de Paderne chega a extremos tales que os concellos de Taboadela, San Cibrao e Ourense, atendendo ás demandas dos pais e nais que levan aos seus fillos e fillas ó CEIP de Seixalbo, apoiaron por unanimidade solicitar á Xunta a xornada escolar única, todos, agás o grupo de goberno municipal de Paderne que se negou a apoiar a demanda e se abstivo na votación con "argumentos peregrinos" para xustificarse.