A Xunta acomete a obra de mellora dos pavimentos na travesía de Maceda

A Xunta de Galicia acometerá a obra de mellora de pavimentos en Maceda 

A Xunta comezou os traballos de mellora dos pavimentos na travesía de Maceda, tal e como estaba previsto, unha vez que en días pasados se rematou a renovación integral das conducións de abastecemento, saneamento e pluviais, de titularidade municipal. Así o fixo saber a Consellería de Medio Ambiente a través dun comunicado.

Esta intervención supón un investimento de 1,4 millóns de euros e inicialmente estaba deseñada como de acondicionamento do firme, pero ampliouse para substituír e renovar todos os servizos urbanos no ámbito de actuación.

Deste xeito, o desenvolvemento das obras de acondicionamento da travesía de Maceda, na estrada OU-104, viuse condicionado polas deficiencias nas conducións municipais situadas baixo o pavimento, que fixeron necesario renovar esas tubaxes, asumindo a Xunta o aumento do orzamento, a pesar de ser competencia municipal, tal e como explica o goberno galego.

A situación dos viais provocaran protestas dos veciños hai unha semana

Unha vez finalizada a intervención na travesía de Maceda, a nivel global, non só se acadará unha mellora de pavimentos e da accesibilidade na estrada OU-104 ao seu paso polo municipio, senón que se terán renovado todos os servizos urbanos neste treito.

A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, confirmou que “xa están aquí traballando”, ainda que avisou de que “hai temas que están pendentes. Esperamos que nun breve paso podamos falar coa Xunta, xa que a consellería vai cambiar e esperamos que nos reciban para falar sobre isto e solucionalo”.

Oviedo salienta que “o prazo en principio é de seis meses, contando cos servizos que inclúen nos proxectos plantexados”. Engade que “a continuación desta obra, viuse afectada por unhas deficiencias nas que se tiveron que facer unha ampliacion do proxecto”. Por iso, “dende o primer momento sabían que tiñan que facer a rede de abastecemento e a continuación surxiron problemas dende as inundacións de setembro, que ninguén contaba. Hai que agradecer que dende que lle plantexamos o problema debido as inundacións, decidiron actuar para solucionalo”, conclúe.

Te puede interesar