Carta a un compañeiro brigadista forestal

Hai cartas que a un nunca lle gustaría ter que escribir porque non é doada entender a morte, moito menos cando se producen nas circunstancias na que te buscou a ti. Hai feitos que ogallá nunca máis acontezan, mais os forestais sabemos ben que cando se produce un incendio o primeiro combustible é un mesmo, e por desgraza os montes de Galicia seguirán sumando máis vítimas.
Higinio Vivas López era un amante do monte, deixáchenos leccións de honradez, compañeirismo, solidariedade cos seus veciños, humildade, compromiso, un raiano de nacemento e espírito. O día da túa despedida en Espiño (Oímbra) estaban amigos do outro lado desa raia imaxinaria que para os desta zona nunca foi fronteira, unha demostración máis da túa grande humanidade. Hixinio adicou a súa vida a plantar árbores no Val de Monterrei, na Serra de Meda, na Serra do Larouco, en Penas Libres, e a apagar incendios en Galicia, integrante dende o 1996 da Brigada forestal de Infesta. 'Foisenos un gran compañeiro, un dos mellores', era o laio máis repetido polos compañeiros da túa brigada e maila brigada de Matamá que estiveron contigo no último incendio que intentaches apagar en Castrelo do Val, o xogo da ruleta rusa a que a cotío nos enfrentamos fixo que che tocara a ti.

Unha vez máis o fedor funesto do monte calcinado xungue aos extremos deste pequeno país, unha terra que arde en silencio, un país calcinado no que os seus gobernantes esfórzanse máis en agochar a realidade que en atopar solucións para rematar coa impunidade coa que actúan os incendiarios, en rematar cun cancro enquistado, hoxe xa convertido nunha metástase a que a sociedade lle dá as costas. Gobernantes e sociedade incapaces e incompetentes que non valoran, por tanta mentira e engano premeditado, o traballo dos servidores públicos forestais como o compañeiro Higinio Vivas López.

O monte foi a túa vida, o monte é a nosa vida. Na túa lembranza, na de Iñigo, na de Julio e Rodrigo, na de Diego, na de Antonio, na de José Luis, na de Miguel Ángel -perdóame porque xa son tantos que sin querelo seguro que me esquezo dalguén-, a lembranza de tódolos compañeiros e compañeiras que teñen deixado as súas vidas na loita contra os incendios forestais, axudaranos, a pesares das grandes eivas de equipamento, medios e materiais, a seguir loitando na defensa dos ecosistemas e en mudar a lamentable situación na que nos atopamos.

Te puede interesar
Más en Cartas al director