O CREGO DE PIÑOR

Non vexo o por qué alporízanse algúns co gallo de que un crego fora elexido concellal 'pola gracia de Deus' -pois, 'vox populi, vox Dei'- máxime cando a voz/voto de moitos dos seus veciños, sexan ou non católicos convencidos, decidiron outorgarlle-la súa representación pra velar polas típicas encomendas materiais do seuconcello, amén de seguir confiándolle tamén as súas cuitas e devocións espirituais.
Abondan exemplos dos chamados 'curas obreiros' que labouran non só nas obras, fábricas, ensino, sanidade, no exército (!!)... etcétera, e que compaxinan coma calquera outro profisional o pluriemprego vocacional e -non por elo- o bispo de turno (designado, que non elexido) obrígalles á unha escolla tan determinante; xa que, se así fose, a meirande parte dos misioneiros, por exemplo, esvaeceríanse.

Non contan, ademáis, que Xesús de Nazaret (Galilea) non lle puña pegas aos apóstolos que vivían da pesca (inclusive estáballes ó quite cando compría), ou de cobrar impostos (no caso de Zaqueo), etcétera. Por elo considero que ninguén, e moito menos o bispo que sexa, debera poñer o carro antes que os bois (ou a venda denantes da ferida); senón que, cunha exemplarizante prudencia, debería agardar un tempiño e, logo, xulgar ao seu benquerido párroco 'polas obras'. Isto é: ouservar se a fegresía vai á pior, ou se hai merma do rebaño.

Ao meu entender, o feito de que nas corporacións municipais poida haber cregos católicos, e por ende cristiáns, ven á ser como darlle voz aos crucifixos que 'adornan' as mesas de moitos alcaldes anémicos de ética e moral algunha. En calquer caso, o tempo será quen quite ou poña razóns.

Te puede interesar
Más en Cartas al director