os emigrantes retornados non son defraudadores

Chámome Rosa e son filla dun emigrante retornado.
Ata que cumplín 12 anos, de meu pai recordo cando chegaba e cando marchaba. 17 temporadas indo e vindo, mentres miña nai facía país, viúva de vivo. Despois veu, buscou un traballo pouco cualificado e mal pagado e tratou de recuperar un pouco a súa vida coa economía básica solucionada. Os anos da emigración deixáronlle en total un piso nunha vila pequena. Meu pai ten 76 anos. 76 anos adaptándose primeiro á dictadura e á necesidade, despois adaptándose a un país e a una cultura diferentes. Volveu para seguir adaptándose á vida. Non protesta por nada, se lle din fai, fai, e senón queda quieto, fillo dun réxime dictatorial. Por eso cando lle chegaron as cartas de Facenda reclamándolle a declaración complementaria dende o ano 2008, dixo: 'Fillos, hai que facela', e pagou e non dixo máis nada. E o outro día cando lle chegou a sanción dixo: 'Fillos, chegaron outras cartas, hai que miralas', e a min enchéronseme os ollos de bágoas e pensei 'non se vai cansar nunca?'.

Cobra uns 1.300 euros unindo as dúas pensións, e vive ben. Aforra se pode algo cada mes 'porque nunca se sabe filla'. Meu pai fixo sempre a declaración da renda en Facenda, onde un funcionario público lle requería a documentación necesaria, e nunca, nunca se lle dixo que tiña que declarar as rendas do extranxeiro. Eu sei que o descoñecemento da lei non te exime de cumplila, pero tamén sei cal é o deber de información da Administración pública. O luns 4, un grupo de plataformas constituidas por emigrantes retornados foron recibidas polos diferentes grupos parlamentarios, e cando se lle preguntou sobre a responsabilidade da administración na mala información outorgada, unha parlamentaria dixo: 'Non tedes razón legal'. E digo eu,…non vai sendo hora de darlle a razón moral?

Meu pai non é un defraudador, se o penso nin coñece ben o significado da palabra defraudar; meu pai sabe de traballar, e de ir cumprindo as normas, e tamén sabe de calar. Pero eu non, que para eso calou el, para que eu falase e esixa a razón moral. E a razón moral di que non se pode penalizar da mesma maneira a quen rouba que a quen traballa; a quen agocha os seus cartos en paraísos fiscais, que a quen ten unha conta de aforros con catro duros; a quen engana, que a quen descoñece. Non se pode decretar unha amnistía fiscal para os saqueadores deste país e facerlle pagar as consecuencias a unha clase traballadora longamente vapuleada. Que se non se cansa meu pai, cánsome eu.

Te puede interesar
Más en Cartas al director