A PENA DA FERRADURA

A estrada que agora percorre á travesía, todo o monte Sobredo, era denantes un vieiro por onde iamos ata o pobo de Alais, a disfrutar duns días da vendima. A min me levaba a madriña Concha, ida xa, e tía do maxineiro Manuel Castro. Lembro que preto xa do medio do camiño, eu votaba a correr deica a abeirar, onde aquela pena que tanto me facía cavilar, dende que moi pequecha me contaran a lenda ou historia que sobor dela se dicía. Puña miña man enriba daquel sinal que me enfeitizaba e ó mirar ó fronte me parecía ver....
Isto é o que me contaron ó pé da rocha. Alá ó fronteiro, erguendo a ollada sobor do baldeiro, como ponte riba do Edo, salvaxe e brincadeiro, víase o Castro coa grisalla mole do seu Castelo e a vixía perenne da antiga igrexa a velar o val luxurioso e cheo de fachenda da Abeleda, onde tal xoia de verde veludo, encóntranse as casiñas, a semellar un mesmiño 'Belén'.... Aló, digo, no cume onde a vila se pousa e na devandita edificación que acobexa ós padróns do pobo, o San Bastián mártir e a Visitación da Nosa Señora á súa curmá Santa Sabela, era onde se detiñan as nosas miradas e saboreabamos o que moitas vegadas se oíra.

Hai moitos, moitísimos anos xa esquecidos, a Virxe María, quizais volvendo a ve-la curmá á casiña arrodeada polo cemiterio, atopouse co mesmo diaño a velar tenta-las almas, e osou facer el coa Señora unha singular aposta. Consistía esta en quen primeiro chegase, sen tropezos e sen 'funicular', nun chouto xigantesco, dende a igrexa, no cume, ata o monte oposto, o Sobredo. Levouse a cabo a proba, xinete ela en manseliña burra; en seu cabalo negro, el. Este último quizais polo peso da soberbia, rematou no apoucado Edo, no lugar coñecido dende entón co nome do 'Pozo do demo', onde as augas son mais negras que en ningún outro, do seu corto percorrido e ó que, a supersticiosa imaxinación das xentes, vía baixar tamén en bicicleta a alma en pena do suicida Senén. Nosa Señora, nembargantes, sen aquel lastre que ó inimigo chimpou nas barullentas augas, chegou triunfante na súa burriña ó lugar sinalado e a facer amosega do amontado solípede. Aquí as ferraduras deixaron proba da infernal aposta. Dende entón 'A pena da ferradura' estivo como muda testemuña do milagreiro acontecemento. Mais, pasado o tempo e no derradeiro meu paso polo lugar, o que sempre me apaixonara, desaparecera co comezo das obras para face-la estrada. E case que chorei, amorriñada.

Dende hai xa moito non volvín por aló, mais dende esta ladeira onde asenta a vila, podo contemplar a cotío só terra e imaxino que non mudaron nin tempo nin espacio. Houbo algúns anos que non puiden albiscar nin isto, cando o piñeiral erguíase fermoso e triunfante. Pero as chamas, non fartadas, engulírono todo.

Lenda ou realidade? Un pouco de cada unha. No interior da igrexa do século XVI, que destaca no horizonte, pódese ver, como un pavimento de granito cobre os soterramentos que en tempos se facían no chan e se identificaban con números ou con letras. Tamén están os sarcófagos dos condes de Oleiros e vestixios de arte manierista galego no retablo posto encima do altar maior. En releve, no mesmo, admirámo-las figuras de dúas mulleres abrazadas, unha delas con claros indicios de estar encinta. De aí a advocación con que se rende culto á Virxe: A Visitación. Nembargantes nunca se viu efixie algunha de Santa Isabel. Esto da lugar a pensar que a data do 2 de xullo é a mais propicia para a celebración da festa relixiosa e profana da nosa patroa.

Te puede interesar
Más en Cartas al director