VISTO PARA SENTENZA

Revelado o pecado. Só falta dar co pecador. Aínda que, dado o caso que nos atrapa, o mesmo pecador amosa outra vez a súa máis absoluta ruindade e aproveita os sumidoiros do sistema para agocharse neles como unha rata covarde.
Facendo un constrinxido exercicio de inocencia, ata se pode chegar a entender que o autor dun delito pretenda borrar as súas pegadas do lugar dos feitos. Mais, unha vez descuberta a torpeza da acción, tamén se lle debería presupor na derrota un algo de nobreza, mesmo de estilo, por non dicir de elegancia. Caso referido este onde nada disto último ocorreu. A pesar das constantes pegadas traidoras e do simulacro de comparecencias fuxidías.

Revirando o suxerido quérese dicir, que aínda que os posibles implicados nas canalladas poidan ser personaxes de relevancia e/ou transcendencia suficientes como para nun momento dado sabernos forzados a endereitarnos diante deles, e aínda que iso non os libere da covardía que os incapacita para sentarse por si mesmos no banco dos acusados, o xuízo, a todos eles, queda visto para sentenza. E vistos os abondosos acontecementos delatores, agardo, máis cedo que tarde, que nos permitan a nós ditala.

Te puede interesar
Más en Cartas al director