Festival de Cans recupera 'memoria musical' da aldea a través de 'casetes'

O Festival de Cans promoveu un proxecto multimedia que, baixo o nome de "Cancasete", recuperará e retratará a memoria musical da parroquia de Cans a partir de cintas de casete que os veciños manteñen gardadas na casa.

A organización do festival informou, nunha nota de prensa, de que "o proxecto documental", do que xurdirán unha curtametraxe que será estreada durante a celebración do evento e unha "pinchada" coas cintas dos veciños, estará acompañado de "varias accións na rede" que animarán a xente a compartir a súa memoria musical.

Por iso, xa se puxeron en marcha dous concursos, no Facebook e no Twitter, que animan os seguidores do festival a "rebuscar nos armarios" e compartir fotos das "súas cintas máis especiais, divertidas ou bizarras".

Despois do traballo de investigación, os desenvolvedores da idea, María Yáñez, María Lobo, Roi Guitián e o veciño de Cans Javi Campo, descubriron que "por norma xeral" nas casas da aldea hai cintas "que pode haber en calquera casa galega", desde "clásicos de gasolineira como Nino Bravo e Juan Pardo até rumba ou música de bandas" para a faixa de 60 e 70 anos.

Alén diso, recoñeceron a importancia do papel das cintas, sobre todo as de música galega, na emigración dos anos 70 e 80, tempo durante o cal narran algúns veciños "encargaban de Suíza ou Alemaña as cintas de Los Tamara ou Ana Kiro para xuntarse alí e escoitalas".

Así, o proxecto descubre "un aspecto moi interesante do uso do formato casete nas vidas da xente" por permitir que "pasasen de ser só ouvintes a seren tamén produtores do seu propio material", un feito que consideran que "foi o inicio dun cambio cultural no mundo e o documental dará boa conta del".

Te puede interesar