Os premios serán entregados polos Reis na Coruña

Luz Casal e os oleiros de Buño, Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes

A cantante Luz Casal. (EFE)
Os oleiros de Buño, en Malpica, a cantante Luz Casal e o diseñador Roberto Verino son os galegos distinguidos este ano coas Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Banderas, Jorge Semprún, Baremboin e Marisa Paredes son outros dos premiados.
A tradición da olaría da parroquia de Buño, no municipio coruñés de Malpica, o deseñador ourensán Roberto Verino e a cantante nacida en Boimorto, Luz Casal, foron galardoados en diversas categorías coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, que onte foron concedidas polo Consello de Ministros por proposta do ministro de Cultura, César Antonio Molina. As Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes correspondentes ao ano 2007 serán entregadas polos Reis nunha cerimonia que terá lugar este ano na Coruña.

Ademais, entre os condecorados, tamén figuran o actor e director Antonio Banderas, o director musical Daniel Baremboin e a mezzosoprano italiana Cecilia Bartoli. As medallas distinguen as persoas e entidades que destacaran no campo da creación artística e cultural ou prestaran notorios servizos no fomento, desenvolvemento ou difusión da arte e a cultura ou na conservación do patrimonio artístico.

Xunto a Antonio Banderas, no ámbito cinematográfico foron galardoados este ano a actriz Marisa Paredes, o produtor e director de cinema Antonio Isasi-Isasmendi, o director e guionista portugués Manoel de Oliveira e o escritor e guionista Jorge Semprún. O campo musical que da representado neste galardón pola citada cantante Cecilia Bartoli, o director de orquestra Daniel Baremboin, a pianista portuguesa María Joo Pires e o musicólogo Tomasi di Lampedusa, ademais da cantante Luz Casal.

A bailarina e coreógrafa Alicia Alonso, a actriz Berta Riaza e a artista circense Paulina Andreu recibirán tamén a Medalla de Ouro nas Belas Artes. O toureiro José Tomás, a galerista e coleccionista Helga de Alvear, o historiador Alfonso Pérez Sánchez, a Fundación Telefónica, a mestra culinaria Carme Ruscalleda, a Brigada do Patrimonio Histórico do Corpo Nacional de Policía e o Grupo de Patrimonio Histórico da Unidade Central Operativa da Garda Civil completan a lista de premiados.

Descentralizadas

Creadas en decembro de 1969, o seu acto de entrega sempre tivo lugar no Museo do Prado de Madrid ata 1992, ano en que se decidiu descentralizar a cerimonia e realizala nas diferentes comunidades autónomas. Dende entón, celebrouse en Andalucía (Granada, 1995 e 2002; Sevilla, 1997, Cádiz, 2001 e Córdoba, 2006), Canarias (Santa Cruz de Tenerife,1993 e Las Palmas de Gran Canaria, 2005), Castilla-La Mancha (Toledo, 2007), Castilla y León (Avila, 1996), Comunidat Valenciana (Valencia, 1992 e 1999), Extremadura (Mérida, 1994 e Cáceres, 2004), Galicia (Santiago de Compostela, 1998) e Madrid (O Pardo, 2000).

Te puede interesar