Arte et Alia

Novais en Ourense, Acisclo en Cea

Novais posa diante das súas obras.
photo_camera Novais posa diante das súas obras.

Trae María Luisa Rojo-Novais Grandío, n.1960, dende o Museo de Man, Camelle, onde estivo até fai pouco, esta mostra da súa arte que denomina Semblantes ou, por mellor dicir, estados de ánimo. E o recuncho que ten para a arte Roberto Verino Mariño na súa tenda de roupa e complementos na rúa do paseo de Ourense transfórmase nun escaparate polícromo e cálido, consonte á estación estival. A artista camariñana da Ponte do Porto, exprésase con cores planas que vai degradando para xerar modulacións de volume nun neo-surrealismo cromático ben expresivo e comunicarmos as súas paisaxes mentais, e sentimentos, nunha desbordante capacidade do concepto de fragmentación, que afecta incluso aos ollos das facianas dalgunha obra. E faino tamén dende gamas de cores rechamantes que separa con trazos grosos, xerando un efecto vidreira. E non só nas vestimentas, como Coa lúa de Venecia, da mesma inspiración que a suxestiva muller que mira para basílica de San Marcos.

Coa lúa de Venezia, obra de Marisa Novais.
Coa lúa de Venezia, obra de Marisa Novais.

Dende Artes e Oficios da cidade herculina, Novais comeza coa escaiola, baleirado, talla en madeira e modelado, e xa con profesor traballa debuxo, óleo, pastel e acuarela, e na Escola Superior de Artes gradúase en decoración de interiores, e xa en Salamanca a finais dos oitenta arquitecto de interiores. Deixará o traballo de empresa, e un par de anos despois, 2009, xa acada premios en Vigo e Padrón en concursos, para completar a súa formación en xilografía, gravados calcográficos e litografía, con Marta Fermin, Anne Heyvaert, Ali Ali e Omar Kessel. Vive en Oleiros, e comeza a expoñer alí e arredores, Culleredo, Ferrol, Ortigueira, Noia, Rianxo, A Coruña e a Casa de Galicia, Madrid, para ir espallando a súa arte a Baiona, Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Allariz, Porto, e agora Ourense. Pertence á Asociación Artistas de Galicia, e adoita participar nos Encontros coas Artes Espírito de Mariñán, Bergondo, da Deputación de A Coruña. Ten pintado prendas a man e tamén porcelanas.

Acisclo en Cea

Na inauguración da exposición de Acisclo en Cea.
Na inauguración da exposición de Acisclo en Cea.

Inaugurou o artista escultor Acisclo Manzano, no edificio multiusos de Cea, unha exposición que se fixo de rogar logo das décadas que leva sendo conveciño do concello de San Cristovo, onde vive, idea e crea moitas das obras que teñen sementado e espallado a súa sona de grande na arte galega. Unha gran escultura, que tiña gardada en Santiago, centra a cuadrangular sala baixo do lucernario. Nela vemos a inspiración directa do xesto da Niké de Samotracia, ou Vitoria, obra helenística da escola de Rodas, en mármore, do século II a. C. e 2,75 m., hoxe no Louvre, París, tamaño que acada dabondo a do mestre nado na rúa da Barreira ourensá. Aquela é a céfala, máis a de Manzano ten unha acaída faciana. Púxoa aquí fai semanas xa, até que a exposición precedente, da Asociación fotográfica O Potiños rematou. Nas paredes colocou os seus acaídos relevos cerámicos de rostros que a modo de cadros e fondo escuro para que destaquen as intensas cores vermellas delas, destacando unha azul e unha cara soa que fita para nós. Alí, ademais dalgúns colegas e veciños, acompañando ás autoridades, alcalde, presidente do parlamento e presentador de arte, había unha manchea de políticos candidatos. Foi o día escollido o da Festa do Pan, que fixo desta volta a edición XXX.

Te puede interesar