O PP pedirá 'de urxencia' que se paralice 'a venda' do Breogán

O grupo provincial do Partido Popular presentou unha moción por vía 'de urxencia' para que sexa debatida no pleno que celebrará a Deputación de Lugo mañá -día 31 de decembro- en que lle esixe ao goberno bipartito, que preside o socialista José Ramón Gómez Besteiro, a paralización inmediata do proceso de venda de accións do Club Baloncesto Breogán.

Nun comunicado, o Partido Popular considera que as últimas decisións do goberno provincial en relación co club veñen a confirmar que 'o BNG quere acabar co Breogán', mentres que o presidente da Deputación se pon de 'perfil' para non ter que lles emendar a plana aos seus socios de goberno.

Nese sentido, 'dada a gravidade do tema', o grupo do PP afirma que a actual situación require a 'creación dunha comisión de investigación, xa que o valor que tiñan as accións' do club cando foron adquiridas pola Deputación é 'moi diferente' ao prezo co que 'saen á poxa'.

Nunhas declaracións a EFE, a voceira do PP, Elena Candia, dixo que 'o Breogán é outro dos asuntos en que o presidente da institución se pon de perfil e espera que o problema se solucione só', mentres os propios accionistas din 'moi alto e moi claro' que 'non van permitir unha deslocalización do club'.

Desde o seu punto de vista, este proceso é 'consecuencia dunha improvisación', porque este problema se orixinou ao ter que 'xustificar o BNG' a súa negativa a apoiar o Club Deportivo Lugo no seu proceso de conversión en sociedade anónima deportiva (SAD).

'Xustificou a súa negativa a apoiar o Lugo, deixando o Breogán no precipicio e sen ningún tipo de rumbo', engadiu.

Te puede interesar