As familias e empresas que se declaran en quebra soben un 27,35% no primeiro trimestre en Galicia

A galega é a sexta comunidade con maior número de concursos de acredores

O número de familias e empresas que se declararon en concurso de acredores (suspensión de pagamentos e quebras) ante a imposibilidade de afrontar os seus pagamentos e débedas alcanzou as 149 no primeiro trimestre do ano en Galicia, o que supón un aumento do 27,35% máis que no mesmo período do ano pasado, de acordo cos datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En toda España a cifra aumentou ata as 2.224 empresas e familias declaradas en quebra no primeiro trimestre do ano, un número que é un 21,5% superior á do mesmo período de 2011 e a máis alta dende o inicio da crise. De feito, en toda a serie histórica, iniciada en 2004, nunca se rexistrara un número tan elevado de debedores concursados en España.

En Galicia, que se sitúa como a sexta comunidade con máis concursos de acredores, o número de familias que se declarou en quebra descendeu un 54,16% neste período, dado que pasou de 24 nos tres primeiros meses de 2011 a 11 no primeiro trimestre deste ano. En canto ás empresas, aumentaron un 48,39%, ao pasar de 93 a 138.

Dentro destas últimas, as persoas físicas con actividade empresarial mantivéronse en tres, mentres que as S.A. aumentaron e pasaron de 13 a 19; as S.R.L. en quebra pasaron de 77 a 114 (un 48,05% máis) e as que teñen outra natureza xurídica pasaron de ningunha hai un ano a dous.

Do total de concursos de acredores presentados en Galicia no primeiro trimestre, 141 foron de carácter voluntario e oito de carácter necesario. En 16 ocasións recorreuse ao procedemento ordinario e en 133 ao abreviado. En todos os casos existiu unha proposta anticipada.

O COMERCIO, A MAIOR SUBA

Por actividade, as empresas que máis aumentaron os concursos de acredores, en termos relativos, foron as do comercio por xunto, a case duplicar a cifra e pasar de 15 no primeiro trimestre do ano pasado a 29 no deste ano. Na construción as quebras subiron un 44,4%, ata alcanzar os 39 procedementos, dos que 23 afectan a sociedades dedicadas á edificación e a promoción inmobiliaria e 16 ao resto.

En canto á industria, son en total 33, tres máis que hai un ano (un 10% máis), das que 17 dedícanse a bens intermedios, oito a bens de capital, dous a bens de consumo duradeiro e seis a bens de consumo non duradeiro.

Ademais, de acordo coa información do instituto estatístico, unha empresa do sector da enerxía presentou concurso de acredores en Galicia no primeiro trimestre; así como tres do comercio polo miúdo; cinco de transporte e almacenamento; dous de hotelería; catro de actividades profesionais; catro de actividades administrativas; e tres do resto de servizos. Así mesmo, están en quebra outras 15 sociedades sen clasificar.

NÚMERO DE EMPREGADOS

En canto ao número de empregados, a maior parte das empresas en concurso de acredores teñen entre 10 e 19 traballadores (son 29); mentres que outras 24 están entre 20 e 49 empregados; 21 teñen entre un e dous asalariados e 18 teñen ente seis e nove. De entre as que teñen máis de 50 empregados aparecen nove empresas en quebra, das que tres teñen máis dun centenar de asalariados.

Por volume de negocio, 85 das empresas en quebra teñen menos de dous millóns de euros; mentres que 20 teñen entre dous e cinco millóns; 13 teñen entre cinco e dez e cinco teñen máis de dez. Outras 15 están sin clasificar.

DATOS DE ESPAÑA

En concreto, as familias en concurso aumentaron un 1,5% no primeiro trimestre, ata as 266, mentres que as empresas concursadas subiron un 24,9%, ata sumar 1.958 procedementos de quebra, segundo a Estatística de Procedemento Concursal do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada este martes.

En comparación co último trimestre de 2011, o número de debedores concursados aumentou un 31,4% entre xaneiro e marzo, cun crecemento do 43,8% das familias declaradas en quebra e un repunte do 29,9% nas empresas que entraron en concurso de acredores.

Do total de concursos rexistrados no primeiro trimestre, 2.105 foron voluntarios, un 22,3% máis que o mesmo trimestre de 2011, e 119 necesarios, un 9,2% máis. Atendendo á clase de procedemento, os abreviados aumentaron un 11,7% en taxa interanual, mentres que os ordinarios se dispararon un 149,6%.

Dos 2.224 debedores concursados no primeiro trimestre, o 88% foron empresas (persoas físicas con actividade empresarial e persoas xurídicas). O 31,3% das empresas declaradas en concurso no primeiro trimestre tiñan como actividade principal a construción e a promoción inmobiliaria, con 612 empresas en concurso.

Por detrás da construción situáronse a industria e a enerxía, sector que aglutinou o 18,7% das empresas concursadas no primeiro trimestre (367 procedementos), e o comercio, co 17,7% de concursos (347 procedementos).

Dentro das empresas que se declararon en concurso no primeiro trimestre, 358 eran sociedades anónimas, un 23,4% máis que no mesmo período de 2011, mentres que 1.475 eran sociedades limitadas, cun incremento do 25,9% respecto a xaneiro-marzo do exercicio anterior.

O 67,1% das empresas concursadas ata marzo concentráronse no tramo máis baixo de volume de negocio (menos de dous millóns de euros) e foron principalmente sociedades limitadas. Pola súa banda, seis de cada dez empresas en concurso concentráronse no tramo dun a 19 asalariados.

Así mesmo, o 87,1% das empresas concursadas do primeiro trimestre non pertencía a ningún grupo empresarial, mentres que o 12,2% eran propiedade dun grupo español e o 0,7% estaban en mans dun grupo estranxeiro.

CATALUÑA, Á CABEZA DOS CONCURSOS

Por comunidades, Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana e Andalucía foron as comunidades con maior número de declaracións de concurso no conxunto do primeiro trimestre, dado que acapararon máis do 58,4% do total. Cataluña sumou 495 concursos, Comunidade Valenciana rexistrou 335, Madrid tivo 242, e Andalucía, 226.

No lado oposto, as rexións con menos suspensións de pagamentos no primeiro trimestre foron Cantabria, con 21 procedementos; A Rioja, con 23, e Extremadura, con 27 concursos.

Coa entrada en vigor da Lei Concursal o 1 de setembro de 2004 o INE substituíu a antiga estatística de suspensións de pagamentos e declaracións de quebra pola de procedemento concursal, substituíndo os conceptos xurídicos de suspensión de pagamentos e declaración de quebra polo de concurso de acredores, denominándose debedores concursados ás entidades sometidas a este proceso.

Te puede interesar