Axudas a investimentos empresariais

A Xunta aumenta o apoio ás pemes

O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, Javier Guerra, Conselleiro de Economía e Rogelio Martínez, delegado territorial nunha recente visita as instalacións de HIspamoldes
A Consellería de Economía e Industria vén de aprobar a modificación das bases reguladoras dos apoios a grandes investimentos empresariais para facilitar subvencións máis intensas a proxectos promovidos por pemes en sectores de actividade considerados estratéxicos ou de futuro polo Impulsa.
Os proxectos de nova implantación promovidos por pequenas empresas en Ourense contarán con subvencións mínimas que cubrirán o 30% do investimento subvencionable. No
caso dos investimentos que tamén constitúan primeira
implantación e sexan promovidos por empresas medianas, a subvención mínima garantida cubrirá o 25% do importe subvencionable.

Os investimentos en ampliación ou modernización impulsados por pequenas e medianas empresas contarán con subvencións mínimas do 25 e do 20%, respectivamente, se corresponden aos sectores estratéxicos.

A Consellería de Economía e Industria vén de aprobar a concesión, a través do Igape, de maiores porcentaxes de subvención para os investimentos impulsados polas pequenas e as medianas empresas ao abeiro do plan Impulsa Ourense, de acordo co previsto no proxecto de desenvolvemento xa aprobado, onde se definen os sectores estratéxicos e de futuro para o desenvolvemento da provincia. Os novos investimentos promovidos por pequenas empresas poderán acceder a subvencións mínimas do 30%.

O consello de dirección do Instituto que preside Javier Guerra aprobou a modificación das bases reguladores dos apoios aos grandes proxectos de investimento empresarial para facer posible a superación dos apoios mínimos garantidos, con carácter xeral no Impulsa Ourense, que acadan o 20% para proxectos de nova implantación na provincia, e son do 15% para investimentos de ampliación ou
modernización. Estas porcentaxes mantéñense para os investimentos en sectores non considerados estratéxicos polo Impulsa Ourense.

A modificación aprobada polo Igape garantirá apoios mínimos do 30% para os proxectos de primeira implantación en Ourense promovidos por pequenas empresas (con menos de 50 empregados), que tamén poderán acceder a subvencións mínimas garantidas do 25% cando os investimentos que impulsen sexan de ampliación ou modernización de instalacións xa existentes.

Do mesmo xeito, os proxectos de primeira implantación promovidos por medianas empresas (menos de 250 empregados) poderán acceder a apoios mínimos garantidos que cubrirán o 25%, que serán do 20% cando os investimentos sexan de ampliación ou modernización.

INTENSIDADE


A maior intensidade nos apoios aos investimentos impulsados polas pequenas e medianas empresas será aplicable aos proxectos que desenvolvan algunha das actividades consideradas prioritarias no Plan estratéxico de desenvolvemento do Impulsa Ourense, onde figuran, entre outras, a industria de transformación agroalimentaria; a moda; a fabricación de motores, xeradores e transformadores eléctricos, e de aparellos de distribución e control eléctrico; a industria da automoción; as actividades de envasado i empaquetado por conta de terceiros; a industria aeronáutica e auxiliar; a eliminación, valorización e reciclaxe de residuos; o transporte de mercadorías; os hoteis de 4 ou máis estrelas, balnearios e baños, incluíndo as instalacións complementarias; ou as actividades de electrónica, robótica, audiovisual, telemática, e telecomunicacións e desenvolvemento de software.

ENTRADA EN VIGOR


O incremento na intensidade dos apoios a grandes investimentos en Ourense, cando sexan impulsados por pequenas e medianas empresas e en sectores de actividade considerados estratéxicos ou de futuro no marco do Plan Impulsa, entrará en vigor unha vez se publique no DOG, logo da ratificación polo Consello da Xunta da modificación das
bases que regulan os apoios do Igape.

Te puede interesar