Colaboradores dos espazos da canle analizarán a xornada dende diferentes puntos de vista

Telemiño adica un especial informativo a noite electoral

Os candidatos ourensáns, durante a gravación do Punto Crítico dedicado á campaña electoral (Foto: Miguel Ángel)
Telemiño dará hoxe especial cobertura á noite electoral. Dende as 20:00 horas e ata pasada a medianoite emitirá un programa en directo no que se seguirá toda a actualidade da xornada, comezando polas votacións dos candidatos ourensáns e rematando coas súas valoracións. Unha vez máis, todo o equipo que integra Telemiño participará no programa aportando o seu particular ingrediente. Laura Vázquez e Lalo Pavón serán os conductores do espazo, e á fronte do equipo técnico estará Marcos Conde.
Ao longo de toda a noite, polo plató da tele irán pasando os colaboradores habituais de Telemiño, como Enrique Martí Maqueda, por exemplo, que conversará en diferentes momentos do programa cos contertulios cos que cada día analiza os principais titulares da xornada. Mentras Laura Vázquez seguirá minuto a minuto os datos do reconto de votos, Lalo Pavón e os seus convidados irán traducindo o que esas cifras significan para Ourense, pero tamén para o país en xeral.

Quique Rodríguez e Susana Carballo percorrerán as sedes dos partidos, e dende alí irán contando cal é o ambiente que se vive nelas. Aínda que, como xa ocorrera nos anteriores comicios, non todo será contido estrictamente político. Marina Sánchez, presentadora de El Rompecabezas, adicará aos candidatos un fragmento literario elexido tendo en conta a personalidade de cada un deles.

O mesmo fará Fernando López-Moura, o responsable de Musicalité, pero el agasallará aos políticos cunha canción. Paco Gallego, de Boca a Boca, atreverase co estilismo dos nosos políticos, aos que lles enviará algún útil consello, e Rosa Diéguez e Laura Domínguez, as presentadoras de “No te rayes”, vannos amosar como se vive unha noite de reflexión. Esta vez, en lugar de recoller as “perlas” que os candidatos adoitan soltar nos mítines, o que quixeron foi testar o ánimo dos cidadáns anónimos que asistiron a eles. Será unha das reportaxes que se emitan ao longo do programa.

Polo tanto, a información rigorosa pero tamén a diversión están aseguradas.

Te puede interesar