O Alpinche, un vehículo mítico

O Alpinche na Subida a Pena Cabarga en 1973.
photo_camera O Alpinche na Subida a Pena Cabarga en 1973.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá unha exposición e unha mesa redonda sobre este coche lexendario.

O martes 26, o Centro Cultural Marcos Valcárcel será o escenario da inauguración (19,30 horas) da exposición “O Alpinche, un vehículo único e mítico”.

Unha mesa redonda co nome “O Alpinche, exemplo da creatividade aplicada á competición” (C.C. Marcos Valcarcel, 20,00 horas) debatirá o significado deste vehículo coa presencia de Luis Reverter Gil (presidente da Fundación Estanislao Reverter, Ricardo Muñoz Llorca, xornalista e piloto, José Luis Sala, copiloto do Alpinche e José Luis Díaz Cortizo, electricista e un dos creadores do Alpinche.

Este vehículo, construído por Estanislao Reverter no seu taller, é o froito de montar o motor dun Porsche 911 sobre a base dun Alpine A110. Foi chamado nun principio “Realpor” (acrónimo de Reverter, Alpine e Porsche) e logo quedou bautizado como Alpinche. A súa primeira versión fíxose en 1971, logo da cal contou con catro evolucións diferentes, motivadas por accidentes ou golpes.

No seu palmarés destacan dous primeiros postos e un terceiro no Rías Baixas, un segundo e un terceiro no Rallye de España, un primeiro e un terceiro no Luís de Baviera, un primeiro e un terceiro no Ciudad de Oviedo (agora Príncipe de Asturias), un segundo e un terceiro no Internacional Bosch, un terceiro e un cuarto no 500 Km de Alicante, un sétimo no Firestone do 72, un terceiro no Sherry dese ano, o ter sido gañador do Rallye dos Pazos, da Subida a Almofrey, da Subida a Manzaneda.

O Museo Estanislao Reverter recolle, conserva e expón o legado deste destacado piloto finado en 1991, que foi impulsor do Rallye de Ourense e un dos pais do automobilismo galego. O museo recolle a traxectoria deportiva de Estanislao ‘Lalao’ Reverter, expoñendo parte dos fondos da fundación.

Te puede interesar