Avisa de que 'abrir expedientes por usar o seu idioma é unha auténtica declaración de guerra'

O BNG chama á rebelión contra o decreto do galego nas aulas

O deputado do BNG Bieito Lobeira. (Foto: Arquivo)
O voceiro de Lingua do Grupo Parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, advirte de que irá 'a por todas' en caso de que a Xunta decida 'represaliar' aos profesores que decidan seguir usando o galego nas aulas a partir da entrada en vigor do 'mal chamado decreto do plurilingüismo'.
Para os nacionalistas abrir expediente a unha persoa por 'usar a súa lingua na súa terra' constituiría 'unha auténtica declaración de guerra' e unha forma de facer política que 'retrotrae directamente ao franquismo'. 'Abonda xa de medos, de ameazas e de coaccións', proclamou, para recalcar a continuación que o Bloque non permitirá 'un retroceso a hai 40 anos' baseándose en 'teses involucionistas en materia lingüística que imposibilitan o ensino do galego en Educación Infantil e no ámbito científico-tecnolóxico'. Dito isto, avanzou en rolda de prensa que se aveciña 'un inicio de curso quente e conflitivo', dado que os nacionalistas non tolerarán 'esta vulneración de dereitos' e que se tache o galego de idioma 'proscrito'.

Neste escenario, o deputado do BNG fixo un 'chamamento' á comunidade educativa para que 'se rebele ante a política de imposición do PP máis rancio, vingativo e rancoroso do Estado' e utilice o galego nas aulas. 'Desta xeración depende o futuro do galego e o de Galicia como pobo', reivindicou, en referencia aos estudantes. Aos profesores garantiulles que 'non estarán sós' se deciden 'desafiar' o decreto e impartir formación na lingua de Castelao.


AMEAZAS

Preguntado se tivo constancia de 'ameazas' por parte da Xunta aos docentes, Lobeira recordou que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, nunha intervención parlamentaria 'propia de El Padrino', se mostrou 'seguro de que os profesores cumprirán o mandato'; e que un representante deste departamento autonómico aclarou en comisión que se poderían abrir expedientes aos profesores que non cumprisen o decreto. 'A algúns do PP vailles esta marcha, pero é intolerable', sentenciou. En todo caso, resolveu que 'a pelota está no tellado do PP', que 'sabe que materializar as súas ameazas fará que a resposta social' contra o decreto 'sexa maior', cando xa 'a maioría da sociedade non quere que se prohiba o galego nas ciencias'.

Xunto a Lobeira compareceu a voceira de Educación da formación frentista no Pazo do Hórreo, Carme Adán, quen criticou a 'renuncia' da Xunta a que o alumnado aprenda 'vocabulario específico' das ramas científico-técnica por un criterio 'ideolóxico' de que 'o galego non serve para as cousas importantes' e que iso supoña 'tirar os libros ao lixo'. Por iso, presentou unha proposición non de lei na que insta á Xunta a 'respectar o dereito do profesorado de ciencias a impartir as aulas en galego tal como recolle a Lei de Normalización Lingüística'.

Te puede interesar