A primeira enquisa de valoración da súa programación logrou unha cualificación de 8,26 puntos

A Cidade da Cultura recibiu a máis de 150.000 visitantes

Un grupo de persoas na rampa da Cidade da Cultura de Santiago. (Foto: )
A Cidade da Cultura de Galicia recibiu máis de 150.000 visitantes dende a súa apertura ao público o pasado 11 de xaneiro. O maior ascenso de afluencia rexistrouse dende o pasado mes de xuño, coa posta en marcha dunha programación cultural que, na primeira enquisa de valoración -realizada entre os asistentes- , recibiu unha puntuación media de 8.26 sobre dez.
A Consellería de Cultura e Turismo explicou nun comunicado que un 93 por cento dos visitantes que participaron nas diversas actividades que tiveron lugar no monte Gaias afirmou que as recomendaría aos seus amigos. A boa acollida do programa cultural tamén se reflectiu na páxina web da Cidade da Cultura, que triplicou o número de consultas por parte dos usuarios de internet dende xuño, cunhas 50.000 visitas ao mes, sinalou a Xunta.


O MÁIS VALORADO

As actividades culturais con mellores datos de asistencia foron 'Atardecer non Gaiás', que cada semana trae de xoves a sábado unha actuación no atardecer; e 'Os Seráns do Tac', que incluíron dous concertos onde a música contemporánea se combinaba con gastronomía ou humor, e que esgotaron todas as localidades. Tamén o programa de teatro infantil 'Titemá', celebrado durante o mes de xuño, completou o seu auditorio en todos os pases.

Os visitantes que se acheguen á Cidade da Cultura no mes de agosto, poderán gozar tamén de diferentes actividades culturais. Entre elas, o programa 'Visitas máxicas'', que nun principio estaba previsto para os domingos de xullo, pero se ampliou ao mes de agosto polo éxito de afluencia.

Tamén está previsto un proxecto para que os visitantes da Cidade da Cultura poidan gozar da observación astronómica dende o Monte Gaiás (nas aforas de Santiago) 'cun novo lugar para mirar ao ceo', actividade na que, segundo a consellería de Cultura e Turismo, tamén se están a cubrir todas as prazas ofertadas.

Te puede interesar