OPERACIÓN POKEMON

Correos intervidos revelan o envío de currículos dende o Concello de Pontevedra a Aquagest

No informe de Vixilancia Aduaneira, aparece un correo de agosto de 2008 no que, dende o email de Alcaldía de Pontevedra, se reenvía o currículo que lle enviara o fillo da secretaria á súa nai.

Correos intervidos por Vixilancia Aduaneira revelan o envío de currículos dende o Concello de Pontevedra aos responsables de Aquagest, un deles, da secretaria do alcalde, no que se achega a experiencia laboral do seu fillo.

Estes correos están integrados nun informe atestado de Aduanas, con data de o 13 de outubro de 2015, e onde os investigadores piden autorización á xuíza que instrúe a Operación Pokémon, Pilar de Lara, para seguir investigando o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como outros funcionarios do Concello e concelleiros.

No informe de Vixilancia Aduaneira, aparece un correo de agosto de 2008 no que, dende o email de Alcaldía de Pontevedra, se reenvía o currículo que, previamente, lle enviara o fillo da secretaria á súa nai.

Posteriormente, o xerente de Concesións de Viaqua en Pontevedra, Casimiro G.F., reenvíallo a outra persoa apuntando que é o fillo da secretaria do alcalde, que é enxeñeiro técnico en Telecomunicacións, para que lle fagan "unha entrevista e o engadan a unha lista de candidatos".

De Casimiro G.F. sae outro correo electrónico no que se apunta que procede dun familiar dun enxeñeiro municipal do Concello de Pontevedra, para que "cando poidan fáganlle unha entrevista"; así como un máis en referencia a un "compromiso co PSOE", para que se entreviste a persoa en cuestión e que le "digan o de sempre", "crise e que se temos algo, a chamamos".

"FOLGURAS NEGOCIACIÓN"

Á marxe destes correos, tamén localizou no ordenador do xerente de Concesións de Viaqua en Pontevedra, outro no cal alude a "folguras respecto á simulación para negociación co concello", en referencia ao de Pontevedra.

Así mesmo, no ordenador deste mesmo traballador da empresa de xestión de augas interveuse unha relación dunha trintena de políticos e funcionarios de municipios do Sur de Galicia que Vixilancia Aduaneira interpreta como un "listado de regalos".

Nesa relación figuran as direccións e nomes de 12 persoas que exercían como alcaldes de localidades como Ribeira, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Cambados, Ponteareas, Ponte Caldelas, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Ribadumia, A Cañiza e Meaño, así como outros cargos municipais e funcionarios e o delegado da Xunta en Pontevedra.

Tamén constatan que o enxeñeiro municipal de Pontevedra vai comprar un coche de Aquagest e que llo arranxaron "antes da súa venda". Casimiro G.F. intervén tamén para organizar un encontro, xunto con outro directivo de Aquagest, entre o delegado de Vendex en Galicia, José María Tutor, e Raimundo González, concelleiro de Facenda de Pontevedra.

Así, Vixilancia Aduaneira apunta que Vendex mantivo relación co Concello de Pontevedra e que "continúa presuntamente o tráfico de influencias co fin de facerse co concurso do servizo de grúa de Pontevedra e da ORA de Pontevedra".

AUTO E REXISTRO EN PONTEVEDRA

A titular de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, asinou unha providencia, con data do pasado martes, na que autoriba a Vixilancia Aduaneira a investigar a actividade económica e fiscal do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), e outros membros do seu goberno local, en relación ás investigacións que realiza sobre os contratos obtidos por Aquagest -actualmente denominada Viaqua- nos municipios e, neste caso particular, na capital do Lérez.

No mesmo auto, recorda que Aduanas (no informe atestado que lle precede) chega a propoñer á instrutora que chame a declarar a Lores e a outros membros da corporación local aos xulgados de Lugo, aínda que polo momento, De Lara unicamente deu luz verde no seu escrito a seguir as investigacións e a solicitar información dos contratos na Casa do concello.

Este mércores, un día despois da data do auto, axentes de Vixilancia Aduaneira acudiron ás dependencias do Concello de Pontevedra para reclamar información sobre os contratos de Aquagest dende o ano 2009, como tamén figura no auto que asina a xuíza.

Ademais de dar luz verde ás investigacións sobre os datos fiscais e económicos do rexedor pontevedrés, tamén autoriza que se accedan aos datos fiscais do voceiro do goberno local, Raimundo González, así como o que foi concelleiro do PSOE de Obras no Rural José Manuel Valcárcel, e a varios funcionarios do Concello.

Te puede interesar