GALICIA

Feijóo descarta a derogación do decreto do plurilingüismo

Román Rodríguez buscará un "grande acordo" para levar adiante o plan de potenciación do galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou onte que o seu Goberno non derogará o decreto do plurilingüismo no ensino salvo que lle "obrigue" o Tribunal Supremo (TS), ante o que a Real Academia Galega (RAG) recorreu para pedir a súa anulación total. En concreto, a RAG presentou un recurso de casación contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que afectaba só a dous puntos do decreto -o carácter vinculante aos pais sobre o uso do idioma e a libre elección na aula por parte dos alumnos-, co fin de lograr a "anulación total" da norma.

"Salvo que se nos obrigue, manteremos o decreto actual", sentenciou o presidente na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, un día despois de anunciar no Parlamento un plan para "dinamizar" o uso social e económico do galego e de pedir o "apoio" da oposición.

Precisamente, o novo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, defendeu o papel do decreto do plurilingüismo impulsado polo seu antecesor no cargo para "garantir o coñecemento oral e escrito" do galego en "equilibrio" co resto de idiomas, e avanzou que buscará "un grande acordo" para levar a cabo o plan anunciado por Núñez Feijóo, e potenciar o uso "voluntario" e "activo" da lingua propia na sociedade.

En declaracións aos medios tras participar no seu primeiro acto público como responsable do departamento autonómico, Rodríguez quixo deixar claro que o consenso sobre o idioma "xa estaba roto" antes do vixente decreto plurilingüe, que se impulsou co obxectivo de "recuperar" ese punto de encontro sobre a lingua propia e que, "obviamente, non se logrou", engadiu. Neste sentido, cre que o debate "non hai que focalizarlo" na norma lingüística e diferenciou "entre coñecemento e uso do galego", dado que os datos do Instituto Galego de Estadística que fixeron saltar a alarma sobre a perda de falantes indican que a lingua coñece tanto a nivel oral como escrito moito mellor hoxe" que nos últimos anos.

"Outra cousa diferente é o uso, e aí é onde temos que facer novos esforzos", destacou. Neste marco de buscar "sumar vontades" e incentivar o uso "voluntario" do idioma na sociedade é onde se situará o plan de potenciación anunciado por Feijóo en sede parlamentaria, a través de accións concretas dirixidas a esa porcentaxe de poboación "que non usa o galego en determinados ámbitos da vida".

O obxectivo é ir "máis alá" do propio coñecemento da lingua, engadiu Rodríguez, involucrando á sociedade e potenciando "ese uso voluntario" e "de cariño" cara ao idioma. Para iso, insistiu en que o reto será buscar "entre todos" un consenso que permita devolver "á calma" a cuestión lingüística, construíndo "un grande acordo".

Te puede interesar