O TSXG revoga o recorte de dedicacións exclusivas ao PP de Pontevedra

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revogou o acordo do pleno municipal de Pontevedra polo que se reduciron de tres a unha as dedicacións exclusivas para os edís do PP na corporación.

A sentenza emenda unha previa do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da cidade que daba validez ao acordo agora revogado, adoptado no pleno de xullo de 2012.

A sentenza do Superior lembra as circunstancias do caso, suscitado polo enfrontamento entre o grupo de goberno que comparten o BNG e o PSOE e o portavoz do PP, Jacobo Moreira, despois da saída dunha edil nacionalista que non cobraba o soldo municipal e a súa substitución por outro que pasou a recibir o salario.

Tal decisión foi tomada a partir dun acordo entre os tres grupos da corporación despois das eleccións de 2011, mais a mudanza foi cualificada como 'inmoral' por Moreira, que levou ao citado pleno unha protesta.

A queixa suscitou, por súa vez, unha moción de urxencia en que nacionalistas e socialistas daban por liquidado o compromiso inicial e devolvían o PP á situación da lexislatura previa, con só unha dedicación exclusiva.

A sentenza do Superior detense nese acordo urxente do grupo de goberno e anúlao porque entende que o que procurou foi 'represaliar' o grupo do PP.

A sentenza di que 'do contido das intervencións resulta que tanto o alcalde (Miguel Anxo Fernández Lores) como o representante do grupo do BNG (César Mosquera) utilizaron uns termos admonitorios para o caso de que o representante do PP non accedese a retirar a moción previamente debatida, chegando o alcalde a advertir que se non o fixesen actuarían en consecuencia'.

Os maxistrados entenden que a motivación do grupo de goberno foi 'perversa' e critica tamén, nese sentido, o 'carácter de provisionalidade' da medida, con invitacións dos propios nacionalistas a retomar negociacións sobre a cuestión en datas posteriores, así como o 'inesperado' da moción.

Te puede interesar