Destina 4,5 millóns de euros para a actualización de equipos e implantación de sistemas de información en 2011

A Xunta dixitalizará os macroprocesos xudiciais xa iniciados e proponse que os novos se xeren en ordenador

A Xunta dixitalizará os macroprocesos xudiciais que xa están en marcha co fin de facilitar a consulta aos documentos e márcase como obxectivo que o avance na implantación das novas tecnoloxías na xustiza leve a que os novos documentos se xeren directamente a través dun ordenador.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, explicaron en rolda de prensa que 'cara a atrás', dixitalizaranse os grandes procesos, con moitas partes implicadas, e indicaron que ese cambio de formato non se fará 'de forma masiva' e para todas as causas, pois impediría avanzar e levaría consigo custos elevados.

Para comezar, a administración dixitalizará tres procesos -entre eles o do Prestige, no que os traballos empezaron en 2010 e outros dous que están en audiencias provinciais-, que servirán de guía. En calquera caso, o obxectivo é, insistiron, lograr que os novos procesos se fagan xa nestes formatos.

Pereira e Martín fixeron balance da actividade desenvolvida entre 2009 e 2010 para modernizar a administración de xustiza de Galicia. Nese período, a inversión ascendeu a 4,8 millóns de euros, destinados sobre todo á renovación dos equipos, a dotación de infraestruturas tecnolóxicas e a implantación de sistemas de información e aplicacións informáticas que permitan o intercambio seguro de información. Así mesmo, trabállase nun nodo tecnolóxico galego que facilite o traballo en rede dos axentes xudiciais entre si e a relación no resto de España.

As iniciativas forman parte do Plan Senda 2014, que persegue a plena integración das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na xustiza e está dotado, en total, con 34 millóns de euros.

O presuposto para 2011 ascende a 4,5 millóns de euros e, entre os obxectivos, está o de renovar 1.500 equipos -en 2010 foron 660 ordenadores de máis de cinco anos-, co que o 87% dos postos estarán actualizados. O resto das contías para este plan inverteranse ata 2014, pois 'aínda queda moito por facer', sinalou Pereira. A meta é o expediente xudicial electrónico e que a xustiza 'deixe o uso do papel' e se comunique de forma telemática, dixo.

Este ano, tamén se estenderán os servizos de videoconferencia, coa adquisición este ano de 22 equipos móbiles e software para 500 postos persoais, e os de gravación de vistas. Actualmente están cubertas 49 salas cos sistemas de videoconferencia e 157 das 164 que existen teñen capacidade para gravar, aínda que algúns dos equipos están obsoletos e deberán cambiarse.

SISTEMAS DE INFORMACIÓN

O obxectivo da Xunta pasa tamén por estender os sistemas de información, como o Minerva Nox, instalado dentro do proceso de reforma xudicial estatal que entrou en vigor o 4 de maio de 2010; ou o Fortuny, para as fiscalías, que se actualizou coa versión que se usa no resto de España.

En 2010 finalizou a posta en marcha do Rexistro Civil on-line (o Inforeg) e informatizáronse os 270 xulgados de paz galegos. Deste modo, a inscrición de nacementos, matrimonios ou defuncións faise de forma centralizada nos 45 rexistros civís ou nos xulgados de paz.

Ademais, continuarase este ano coa implantación do Lexnet -sistema que permite o envío de información e documentos de xeito seguro-, que ata o momento está operativo en 64 órganos xudiciais da comunidade

Te puede interesar