La Revista

Alúgase o ceo

Aurelio Loureiro, leonés (de Olleros de Sabero), malia o apelido, tan galego, tan arrecendendo a loureiros.

Aurelio Loureiro, leonés (de Olleros de Sabero), malia o apelido, tan galego, tan arrecendendo a loureiros. Os que coroan esta obra realista, cáseque de “dirty realism”, para distinguilo do neorrealismo aquel de Vasco Pratolini ou Aldecoa, ou –xa postos- de Armando López Salinas, autor dunha novela (moi lexible aínda hoxe) que se chama La mina. E con isto xa vamos entrando en materia. A do libro de Aurelio, novelista, narrador breve, xestor cultural, director dunha revista, Leer, con xa trinta anos de vida. (Leer fora fundada por dous ourensáns afoutadísimos, Alfonso S. Palomares e Heriberto Quesada, e non mal fundada, por certo, poisque segue a ser oase no deserto das revistas literarias). Te alquilo el cielo, así e todo, posúe cousas de novela mais tamén de libro de relatos.

E é que este volume, da vida dun rapaz nunha pequena vila mineira leonesa, ten moito que ver coa do propio Aurelio (supónse), conformando os seus capítulos, que admiten (xa se dixo) unha lectura exenta, todo un enguedello vital, de maneira que o resultante, a partir do “bildungsroman” que o libro ven sendo, pode (e aínda debe) chamarse novela. Aventuras ao Tom Sawyer, descripcións achegadísimas á realidade, erotismo, borracheiras, paisaxismo de interiores (de claustrofobias, falaba Luis Alberto de Cuenca na presentación do libro na propia revista Leer, hoxe en Argumosa-Lavapiés, logo dunhas cantas voltas), escolas de antes, alleas a esa “Old School” de Tobias Wolff, porque á de Aurelio non a visitan autores rechamantes. E é que a escola loureirana cadra con aquela España miserenta, que aquí tamén se pinta, se non fose que Loureiro bota man tamén dun certo ponto máxico, que sen selo totalmente fai porque aquela miseria se difumine, a partir da vontade conceptual que atiopa en Aurelio Loureiro estilo eficaz e mesmo brillante.

Que o monstro do bocadillo sexa o pai do rapazolo é o de menos. O de máis a trasposición de planos ou niveis. Logo está a RAE, si, nun acto de toma de posesión dun novo académico. Leonés, por máis sinais, e un aquel fantástico con toques esperpénticos para definir mellor aínda un libro indefinible. E sumamente recomendable. Onde se aluga o ceo, porque non o hai no fondo da mina, claro.

Te puede interesar