The Tetas' Van, Ourense en feminino

The Tetas' Van, grupo feminista de Ourense.
photo_camera The Tetas' Van, grupo feminista de Ourense.
O grupo The Tetas' Van presenta un novo concerto tras acadar o Premio Clara Campoamor

Flamante receptora do Premio Clara Campoamor pola súa reivindicación da igualdade, The Tetas’ Van, a banda ourensá de pop rock feminista por excelencia, reencontrarase co seu público local este venres 19 de abril no recinto El Pueblo. “Ourense é a nosa casa, onde está o nosa xente, quen nos apoiou dende os inicios e que sen ela non seríamos o que somos. Por iso o premio Clara Campoamor foi tan importante para nós: un recoñecemento na casa”, esgrime Irene Somoza, saxo da formación que completan Pablo Cachafeiro en baixo, Omar Reza en guitarra, Lucía Gil en voz, María Mendoza en teclados e Lore Negreira en batería.

“Si que nos gustaría tocar máis, porque é o noso fogar, pero iso non depende de nós. Por iso este próximo concerto no Pueblo fainos moita ilusión”, agrega Irene sobre unha data que terá lugar no marco dunha extensa xira galega.

-Empezaron no 2011 cando se presentaron a un concurso e levaron o premio do público, agora outorgóuselles o Premio Clara Campoamor pola súa reivindicación da igualdade. Cumpríronse os vosos obxectivos de normalizar a figura da muller no escenario e facelo en lingua galega?

-Pois consideramos que o noso obxectivo é algo ambicioso, acadar a igualdade, polo que aínda queda moito camiño por percorrer, pero si consideramos que desde que comezamos no 2011 ata o día de hoxe conseguíronse varios logros que non podemos obviar. Creo que a nosa reivindicación cada vez é máis visible e iso fainos pensar que algo se está facendo ben. Pero si queremos insistir en que aínda queda moitísimo camiño que temos que percorrer.

-Dun tempo para acó multiplicáronse os grupos integrados por mozas. Cal é o risco de que se convertan nunha moda?

-Si que é certo que cada vez xurden máis bandas integradas por mulleres ou existe unha maior presenza nos escearios, pero continúa habendo unha infrarrepresentación de bandas femininas nos festivais e nos eventos en xeral. O feito de que aumentase o número de grupos con presenza feminina parécenos unha marabilla. De feito, creo que todas as que iniciamos estes proxectos servimos de referentes para outras e iso é moi positivo.

Non cremos que poida existir un risco de que se convirtan nunha moda, porque de chegar a selo, sería acadar un dos nosos obxectivos: presenza de mulleres nos escenarios de maneira igualitaria. O ideal, do que estamos aínda algo lonxe, sería que nun futuro fose tan normal ver tanto a mulleres coma a homes por igual no escenario, que non fose algo extraordinario unha presenza ou outra.

Te puede interesar