LA REVISTA

De brincadeira

A esta función de Noël Coward, Un espíritu burlón, dirixida para o caso por Antonio Albella, nada lle falta para acadar a o grau de excelencia.

A esta función de Noël Coward, Un espíritu burlón, dirixida para o caso por Antonio Albella, nada lle falta para acadar a o grau de excelencia. Perfecta no argumento, a muller que volve de ultratumba para atormentar un pouco ao seu viuvo e, de paso, á segunda esposa deste. O recurso; que o home vexa á muller mais non así a “rival”.


Os espectadores, lóxicamente, estamos vendo todo o que acentúa a comicidade, tamén a orixinalidade, da “performance” do espírito brincallón. Quen conta coa complicidade involuntaria dunha criada sumamente alebrestada quen non sae do seu asombro diante do que non cata pero intúe. Axeitada no “timing” en que se desenrola a acción. Impecable no desenlace, tan sorprendente e pavero, tan definitivamente aberto como a vida mesma.

Ou –aquí, nesta función- a morte propia. Que a morte por ser asunto tan serio admite, cáseque pide a berros, un tratamento xovial. Por certo que sempre se dixo que a función de Noël Coward é debedora de “Un marido de ida y vuelta”, de Jardiel Poncela. Ben podería. Mais entre o “casticismo” de Jardiel e o cosmopolitismo de Coward hai anos luz de diferencia (a que vai dun toureiro a un “gentleman” flemático: e por certo que nas touradas o único que non se movía era Don Tancredo).

Dito isto, tamén que a función de Coward foi ao cine da man de David Lean, o mesmo que dirixira “Breve encontro”, aquela xenialidade intimista, de interiores, con guión do propio Coward, compre engadir que a montaxe que veño de ver de “Un espíritu burlón” no Teatro Fernán Gómez (de Madrid, Plaza de Colón) ten un aquel, e aínda moitos, por máis que a españolización dos nomes (e os apelidos) ingleses non deixe de semellarme unha parvada. Mais quitado isto vin sutileza e elegancia (espléndida a branca palidez, tamén no vestido, da resucitada) na montaxe de Albella.

E, sobre todo, comicidade moi contida no seu aspecto orondo da “médium”, non outra que a gran Berta Ojea, en puridade personaxe central desta función. Que se deixa ver co mesmo gusto que outras cousas de Noël Coward, Vidas privadas ou A febre do feno, que volven con regularidade aos escenarios. Porque estamos, lástima fora, diante dun clásico. Do concepto, da elegancia estilística, da carpintería teatral. Por iso.

Te puede interesar