CINE

Crime ou castigo

Todos os anos chega unha película de Woody Allen; todos os anos vou ver esa película con anseios e esperanzas de que volva a nós o reino alleniano

Todos os anos chega unha película de Woody Allen; todos os anos vou ver esa película con anseios e esperanzas de que volva a nós o reino alleniano, unha caste de deus pequeno (non menor, por certo) co que alegrar as pupilas (e máis o corazón). Ás veces Woody desconcértanos un pouco, non chega desilusionar porque sempre deixa algo de piola ou tanza ao que nos asir, cal pasara con Vicky, Cristina, Barcelona, onde mesmo a “racialidade” de Penélope Cruz, o bravú Bardem ao seu lado, algo dicía naquel conxunto de cromos barceloneses (e asturianos), mais o abraio axiña pasa porque sempre haberá un Allen seguinte que nos sirva de consolo.

Das últimas películas de Woody Allen quedo con Match Point, intelixente lectura de Crime ou castigo, con cita de Dostoyevski mesmo na propia capa do libro do narrador ruso, a se deixar ver nalgún momento do filme. Pois ben: segunda parte de Match Point ben podería ser a película de Allen actualmente en carteleira, Irrational Man, protagonizada polo exgalán Joaquin Phoenix, tan en estado de graza que mesmo se permite unha barriga cervexeira para adornar o seu rol de profesor alcohólico.

Por certo, hai dúas cousas nas que Woody Allen mostra a súa beira máis aséptica (se non puritana): nas escenas de sexo e de bebedeiras. E non soamente nesta película. Dito isto, e pois o tema ten un aquel “Dostoyevski”, ten que haber un crime; tan no aire, por certo, que nunca o veremos, sentirémolo tan soamente. Un asesinato moralista, ou sexa, dun ser que se sinte superior ao asasinado. Tamén unhas maneiras redentoras a bater, mellor, a se precipitar no fondo das boas intencións. E non direi máis do que digo, porque este filme ten cousas de “thriller”. Non sei se co mesmo poderío de Match Point mais sen ficar lonxe de máis.

Porque Woody Allen sempre será Woody Allen, aínda que se repita, aínda que se deixe levar polos seus diaños familiares, aínda que faga unha película cada ano, aínda que non pretenda compararse con Fellini ou Ingmar Bergmann, para el os verdadeiros ases da dirección cinematográfica. El, tamén, por máis que sempre nos pareza que ten o as definitivo aínda baixo da manga.
Seguirémolo agardando, ano tras ano. E vostedes, e nós, que o vexamos. Ou que o sigamos vendo.

Te puede interesar