RABO DE NUBE

Love me tender

54a8006-large_result

Sanzol sitúa tres mulleres escaldadas dos homes ubicadas nunha illa deserta

Espectador perenne de teatro (lector, tamén, mais o teatro, penso, é para ser visto e sentido, isto no dobre senso da palabra, auditivo e sentimental) boto en falla autores novos. Xente que demostre que o show non dá parado e que os O´Neill, Miller, Williams ou os Jardiel, Sastre, Buero ou –vindo para esta banda- os Castelao, deixaron herdanza, autores do trinque para que os espectadores non perdamos de vista o fenómeno, nin os fenómenos. Non falo, claro, dos clásicos, porque eses si que non teñen dúbida ninguna, nun panorama (eis a paradoxa) onde seguen a nacer salas de teatro, e os talleres teatrais e os grupos amadores medran como cogumelos após da chuvia.

Acontece, tamén, que os empresarios non lle dan moita importancia aos autores, de maneira que non é extraño bater con carteleiras onde baixo os títulos das obras non se deixan ver os seus artífices (cal se se tivesen feito sóas). Así as cousas quero saúdar como se debe a función (estes días en La Abadía, ese teatro madrileño, de Chamberí, que se ergue, e o nome non engana, onde houbera unha igrexa) de Alfredo Sanzol, un autor coñecido, si, no ámbito mais non tanto como mester fora. A función chámase La ternura, e tén moito de shakesperiana, con ecos de The tempest, mais tamén con homenaxes explícitas a outras pezas do bardo de Stratford-on-Avon, o que nos dí por onde alenta esta comedia que se desenrola en 1588, ano como sabemos da Armada Invencible (e do nacemento de Hobbes, por certo, “o medo e máis eu nacimos xemelgos” dicía o de Malmesbury).

Pois ben Sanzol sitúa tres mulleres escaldadas dos homes (sobre todo a nai, a Raíña Esmeralda) ubicadas nunha illa deserta (pero na que moran tres homes, escaldados das mulleres, sobre todo o pai e o fillo maior, o pequeno xamais as catara). O enredo, a liorta (as donas disfrazadas de varóns) está –desta maneira- moi ben argallado. Para pracer dos espectadores que enchían a sala o día no que fun, felices de reatopar a vella maxia teatral nas mans (na pluma) dun autor novo ou seminovo como é Alfredo Sanzol, a demostrar que se se quere hai dramaturgos categóricos aínda que se sirvan, eis o caso, de anécdotas tan vellas como o mundo, nas que homes e mulleres acaban por se atopar, como fan o teatro e os autores.

Te puede interesar