"El nadador como héroe", o clásico literario de Charles Sprawson sobre a natación

Un libro moi completo, amenísimo, para todos os públicos, mais en especial para os que seguimos a nadar

Non, nunca cruzarei o Helesponto, cal fixera Lord Byron, nadador de fondo, ao contrario que Shelley que non sabía nadar e foi morrer, afogado no mar toscano. Tampouco voltarei a casa nadando, como “O nadador” aquel do conto de Cheever, encarnado en película por Burt Lancaster. A unha casa tan derrubada cal nos deixa o espírito tanta beleza como alá se nos foi en proezas natatorias en ríos, lagos, mares, piscinas, deseñados neste libro de Charles Sprawson.

Mais, pois eu nunca cruzarei o Helesponto, tarefa hoxe imposible por mor do tráfico mariño, limítome a nadar en piscina, apenas mil metros diarios, por aquilo da coordinación motora como me aconsellara Óscar Outeiriño, máis tamén polo da forma, física e mental. E falei un anaquiño en primeira persoa seguindo o exemplo de Sprawson quen, el mesmo nadador, fai o propio. Para nos contar a historia de arte tan sublime, tamén dos lugares onde se pode practicar. Con especial atención para os romanos,  pioneiros no choio, e aqueles que seguindo os seus pasos chegan á California do tempo de Hollywood e Randolph Hearst, o mítico “Citizen Kane”, emulando a Nerón na “Domus Aurea”.

E por certo que Orson Welles, farto de que os convidados lle mexaran na piscina, argallou un sistema que producía un líquido denunciador do miccionante. Isto e cousas máis sabedoras aparecen nun libro no que descubrimos os hábitos natatorios, ou non que tamén se pode nadar cos ollos chantados nos corpos dos nadadores, eles ou elas, de D. H. Lawrence, Scott Fitzgerald (a súa esposa, Zelda, consumada margulladora) ou Tennessee Williams.

Dunha banda, da outra os herois olímpicos, australianos, xaponeses ou americanos. De entre estes, Johnny Weissmuller, o Tarzán cinematográfico. Tamén a evolución dos diferentes estilos, do “canciño”, ao moi empregado, da “ra” ou braza, ata que apareceu o “crawl”ou crol, seguindo o gatear do picariño. Un libro moi completo, amenísimo, para todos os públicos, mais en especial para os que seguimos a nadar, aínda que nunca cruzaremos o Helesponto. Ao contrario que George Gordon “Lord Byron”, nadador mesmo na lagoa de Venecia, cousa hoxe imposible, pero non para que a naveguen eses estafermos de supertransatlánticos. Mágoa.

Te puede interesar