Música, talleres e unha tractorada o 12 de agosto en Laza

ponte farruca, laza, 2022
photo_camera Un concerto no Ponte Farruca do 2022.
A Asociación EnLazados celebra o II Festival Ponte Farruca, para reivindicar a vida rural e a igualdade

Laza volverá a acoller o festival Ponte Farruca. Celebrará a súa segunda edición o 12 de agosto, este ano con unha programación máis completa e con zona de acampada e autocaravana. 

Organizado pola Asociación EnLazados, o Ponte Farruca volve animado pola “gran acollida que tivo o pasado ano, a xente de Laza quedou contenta e este ano decidimos facelo en agosto en vez de en setembro para facer algo máis no verán”, sinalan dende a organización, que traballan para impulsar a vida no rural e a igualdade. 

A cita contará con numerosas actividades para todos os públicos. Durante toda a xornada estará dispoñible unha feira de artesanía, haberá obradoiros para a cativada. postos de comida variada, propostas culturais e música. O Ponte Farruca comezará coa sesión de xogos “Ponte Farruquiña” para os máis pequenos, continuando coa sesión “vermut” coa charanga Bicoia ás 13,00 horas. 

Tras o xantar -postos ambulantes, churrasco por encargo e pulpeira- comezarán as actividades culturais. Ás 16,30 horas será a quenda do podcast Farruco no Bar o Cuartel, conducido polo comunicador galego Ola Xon Mario. Ás 17,30 horas realizarase un obradoiro de pandeireta e canto impartido por Nando Saa e ás 18,00 horas comezará a “Tractorada Engalanada”, unha iniciativa para poñer en valor o traballo no campo. “O tractor máis ”engalanado” do rural levará un premio”, sinalan dende a organización. 

A música chegará de cara ás 19,30 horas coa asociación cultural Rebulir, coas Silveiras do Támega e con Kuartetas, para dar paso tras a cea aos concertos da man de TNT, O Rabelo, The Teta’s Van e Quinkillada

Te puede interesar