EVENTO

Quenda do viño de Monterrei

Dende hoxe e ata o domingo, un total de 16 adegas participan na feira na Alameda de Verín

Preparativos da feira durante a tarde de onte.
Preparativos da feira durante a tarde de onte.
Quenda do viño de Monterrei

A vila de Verín acolle esta fin de semana a "XIII Feira do Viño de Monterrei", na que participarán 16 das 26 adegas amparadas por esta Denominación de Orixe, e na que, coma novidade, instalarase unha caseta para degustación das augas dos mananciais mineromediciñais da zona. 

Ó respecto, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, subliñou que "como ben sabemos, un dos motores da nosa comarca é o viño pero nun evento tan importante como este, que atrae a máis de 20.000 visitantes, non debemos perder a oportunidade de visibilizar a outra gran potencialidade de Verín, que son as nosas augas". 

O acto inaugural desta nova edición, que estará amenizado pola banda de gaitas local,  manterase na Alameda de Verín, onde hoxe, ás 20,00 horas, o pregoeiro será Cástor Gago Álvarez, xefe de Extensión Agraria e un dos maiores impulsores da Denominación de Orixe. 

Despois, a exaltación dos viños da comarca vitivinícola continuará na igrexa da Mercé, onde se procederá á imposición de medallas aos novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei, un acto que estará amenizado polo grupo Dixie Kings. Esta primeira xornada do festexo rematará cunha animada verbena na praza García Barbón, a cargo da orquestra Principal, entre as 00,30 e as 3,30 horas. 

Mañá, a xornada comezará ás 11,30 horas, coa apertura das casetas da feira.