Os Remedios exaltará o viño e o santuario cunha romaría

WhatsApp Image 2022-06-27 at 6.28.03 PM
photo_camera Entrada a Os Remedios, santuario rodeado de viñedos. (Foto: C.C.).
Os veciños de Vilamaior, en Verín, organizan a cita o domingo e contarán cunha comida popular

O santuario de Os Remedios será o protagonista o vindeiro 3 de xullo coa celebración da romaría “O Val do Viño”, organizada pola comunidade de montes de Vilamaior (Verín). Celebraranse unha serie de actos de exaltación do santuario, da súa contorna e da súa relación co mundo do viño. Estas actividades contan coa colaboración da Denominación de Orixe Monterrei e do Concello de Verín e a meta é “ser o xerme dunha futura romaría do val do viño”.

Segundo destacaron os organizadores, a finalidade deste evento é “dar a coñecer o viño de onte, o de hoxe e o de mañá, dende este espectacular icónico santuario, que é icono non só de Verín senón de toda a comarca. Cada anaquiño deste lugar fálanos de cultura, da veciñanza, da romaría… Do festexo de fin de verán que tantos anos uniu á xente ao redor do santuario”. Baixo esta premisa, os obxectivos desta iniciativa veciñal son impulsar o viño, o campo e o santuario de Os Remedios, divulgar a tradición e cultura vitivinícola, así como a Denominación de Orixe Monterrei. 

“O Val do Viño” quere por en valor as tradicións e folclore relacionado co viño, buscar un impacto sociocultural no turista e recuperar as tradicións que as novas xeracións case descoñecen, para así amosar la relación entre ordes relixiosas e a viticultura na comarca. “Máis alá do viño queremos amosar o legado histórico e artístico do santuario de Os Remedios, descubrir figuras relevantes vencelladas a comarca de Verín, como por exemplo García Barbón, así como valorizar a muller e o seu papel dentro da viticultura”, sinalan dende Vilamaior.

Actividades para a xornada

Para dar a coñecer os segredos que agocha o santuario, o domingo organizase un paseo pola contorna dos viñedos ás 08,30 horas. A partir das 10,00 horas haberá unha feira de artesanía acompañado dun obradoiro de olería. Xa ás 11,00 horas, o interior de Os Remedios acollerá un acto sobre a historia do val, do viño e da romaría, para que os asistentes coñezan todo o que agocha este territorio. Contarán cunha representación teatralizada -da man de Xeitura- da relación do viño cos Remedios, unha entrega de premios, coloquios sobre patrimonio e actos musicais. 

Ademais, haberá unha comida degustación para 300 persoas de carne e viño, que contará cun exquisito menú no que a tenreira ó espeto será o prato principal. O encargado de preparar o menú será o vasco Karlos Ibarrondo. O cociñeiro preparará a carne en directo ante os comensais -25 euros por persoa- utilizando a técnica do “burduntzi”. Esta forma de asar, que consiste no asado sobre brasas de carbón vexetal a fogo lento e constante, é orixinaria de Elorrio (Biscaia).

Te puede interesar