INSTALACIÓNS

Turismo mellora o Albergue da Castaña de Riós

Acondicionouse a cuberta e carpintería exterior froito dun acordo entre Turismode Galicia e o Concello de Riós por un importe de preto de 60.000 euros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, acompañados polo alcalde de Riós, Francisco Veiga
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, acompañados polo alcalde de Riós, Francisco Veiga
Turismo mellora o Albergue da Castaña de Riós

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, acompañados polo alcalde de Riós, Francisco Veiga, visitaron hoxe o albergue e Centro de Interpretación da Castaña de Riós, un edificio que foi renovado recentemente en parte das súas instalacións ao abeiro dun acordo entre Turismo de Galicia e este concello ourensán.

“Sen dúbida, trátase da adecuación dun espazo para uso turístico, que incrementará a oferta cultural e, polo tanto, o atractivo desta localidade como destino e coa que queremos que, xunto coa Festa da Castaña e do Cogumelo, se continúe dando a coñecer este produto da gastronomía galega e atraendo turistas entorno a este recurso endóxeno”, explicou a directora de Turismo de Galicia durante a visita.

Froito deste acordo realizáronse no albergue e Centro de Interpretación situado na Vía da Prata, obras de renovación e reparación da cuberta e da carpintería exterior. Tamén se realizaron traballos de adecuación interior debido á detección de problemas de humidades e filtración de auga da choiva, unha obra total que contou cun investimento de preto de 60.000 euros.

Co 30% da produción de castaña de Galicia
Como recordou Nava Castro esta infraestrutura é o resultado dunha eficaz rehabilitación da antiga casa reitoral desta parroquia de Trasestrada que dá a coñecer todo o referente á castaña, un recurso fundamental para a comarca. De feito, como engadiu, a produción da castaña neste municipio rolda o 30% do que se produce en Galicia, converténdoa na localización idónea para este centro de interpretación.

Súmase a isto que Riós conta coas variedades máis apreciadas de castaña, tanto polo seu consumo en fresco como para a súa transformación. Así, a castaña convértese nesta comarca no eixo estratéxico de desenvolvemento do territorio. “Este centro de interpretación ofrece unha posibilidade diferente para que turistas e visitantes coñezan outro aspecto desta comarca de Verín”, salientou Nava Castro.