PRESENTACIÓN

Xesús Lantes, filólogo: "Os apelidos veñen con nós toda a vida e non lles prestamos a atención debida"

O autor sostén a portada do seu estudo etimolóxico en Verín (foto: C.L.M.)
photo_camera O autor sostén a portada do seu estudo etimolóxico en Verín (foto: C.L.M.)
Doutor en Filoloxía Galega, Xesús Lantes Vitureira presenta un libro no que analiza e recopila os apelidos de Verín e da comarca de Monterrei

Profesor no IES Xesús Taboada Chivite de Verín durante 30 anos, “Suso” Lantes desfruta agora da xubilación, pero segue escribindo a prol da lingua. Resultado disto é a obra “Os apelidos do Concello de Verín”, que presenta este mércores no salón de actos da Casa da Cultura verinesa ás 20,00 horas, dentro dos actos da “Semana das Letras Galegas”.

Cantos anos leva investigando os apelidos da comarca de Monterrei?

O libro contén arredor de 1.000 apelidos, coas súas variacións, e foron tres anos de investigación máis un ano para a súa publicación. Ás veces non foi doado levar a cabo isto dende Verín debido aos recursos bibliográficos, non é sinxelo chegar ás fontes. Ao principio considerei escribir sobre a toponimia, pero dinme de conta de que os apelidos eran unha cuestión máis abandonada. Ademais non quixen que o libro fose puramente científico, senón que tivese tamén un certo carácter divulgativo, pero sempre co maior rigor filolóxico posible.

Cales son os apelidos máis antigos ou menos frecuentes que atopou?

Nos apelidos hai unha porcentaxe moi elevada dos que chamamos “comúns” entre o galego e o castelán, e que son normalmente os máis antigos. Pero é certo que hai un apelido típico e que existe case exclusivamente en Verín que é “Foubelo”, sempre vencellado a Monterrei. Segundo a miña etimoloxía, tería que ver coa cor do pelo ou da pel, viría a ser o actual “rubio” galego ou “pelirrojo” castelán. 

Que información poden dar sobre nós os apelidos?

Os apelidos creáronse como identificador, non coma significante, porén serven para identificar persoas. Pero ademais diso, dan unha información histórica en xeral, e tamén comarcal, ben sexa por dialectalismo ou por ser de fóra, por exemplo vasco ou estranxeiro. Iso significa que alguén marchou e trouxo consigo o apelido.

Animaría á xente a tratar de conservar os seus apelidos cambiando a orde dos mesmos?

Por suposto. A singularidade dos apelidos danos certa personalidade, é tamén son unha herdanza. Cambiarlles a orde non é nada difícil, pero para recuperar algún dos pais ou avós, entón hai que pasar por trámites máis complicados.

Cales son os retos que enfronta o galego no século XXI?

O maior reto de todos é a da utilidade. Cómpre facelo útil, e a situación do mundo urbano de Galicia é moi problemática para a lingua galega. Mentres que no rural non atopa moitos problemas, nas cidades si que os ten. Penso que habería que volcarse para facelo imprescindible na vida urbana, onde está a ser anecdótico. E cada xeración que pasa, fálao menos.

Te puede interesar