A Banda de Gaitas de Beariz, convidada a actuar no Brasil

O equipo directivo do Gremio Español de Belo Horizonte, Minas Gerais, de Brasil, convidou á Banda de Gaitas do Concello de Beariz a realizar a viaxe e actuar nese país con motivo da celebración do seu centenario. A colonia de Belo Horizonte ten gran presencia de galegos e o seu actual presidente, Manuel Diz, ten as súas raíces en Beariz.
Con tal motivo, a banda participará nos actos do centenario con sendos concertos os días 26 e 27 de febreiro. Ademais, realizará unha xira por varios centros educativos e outras institucións da cidade. Segundo fontes do Concello de Beariz, 'esta viaxe ten un carácter cultural para os compoñentes da banda xa que poderán coñecer de primeira man a cultura e os lugares máis importantes do Estado de Minas Gerais'. Asemade, os músicos apuntan que o seu espectáculo, 'destaca polo completo da composición xa que inclúe unha mostra de baile tradicional, cuarteto con gaitas, solistas, requinta e acordeón, ademais dun concerto de toda a banda no que resaltan unhas pezas de orixe brasileira'.

O Concello estará representado nos actos de celebración polo alcalde de Beariz, Manuel Prado, e pola concelleira Ana Lamas.

A banda ten unha traxectoria de 18 anos e unha ampla experiencia de actuacións fora de Galicia. Entre outros países visitou en dúas ocasións México, e tamén Panamá e Alemania, ademáis de viaxar a diversas cidades dentro do ámbito estatal como Alicante.

Te puede interesar