O CARBALLIÑO

Beariz investirá 47.000 euros para reducir gasto enerxético

A Deputación provincial de Ourense adxudicou á empresa Construcións Viso as obras de eficiencia enerxética nas localidades de Correa, Alén, Framia, Abeleira e Adrián, no Concello de Beariz

A Deputación provincial de Ourense adxudicou á empresa Construcións Viso as obras de eficiencia enerxética nas localidades de Correa, Alén, Framia, Abeleira e Adrián, no Concello de Beariz, cun presuposto de 47.000 euros, dentro do Plan Base 2014.

Nas localidades de Correa, Alén, Framia e Abeleira existen 57 lámparas de VSAP de 100 watios, as cales serán substituídas por outras de 70 watios, aínda que mantendo os puntos de luz existentes, "de xeito que se garanta a perfecta iluminación da zona e, ó mesmo tempo, supoña un importante aforro enerxético para as arcas municipais", segundo apuntaba o alcalde de Beariz, Manuel Prado. O rexidor sinalou que tamén se instalaron reactancias de dobre nivel de potencia con liña de mando independente.

Na localidade de Correa están ubicados o Centro Social e a igrexa parroquial, polo que se procederá á acometida eléctrica subterránea na igrexa a efectos de evitar o impacto visual que causan os cables no cruceiro de Cerviño. No Centro Social, instalarase un equipo de aire acondicionado para que poida cumprir tamén as funcións de velatorio.

Por outra banda, coa realización deste proxecto, vaise dotar de alumeado público ó núcleo rural de Adrián, unha localidade que estivo sen veciños varias décadas e que agora se empeza a rehabilitar. Por último, na capitalidade procederase á substitución das columnas con luminarias existentes na Avenida de Merelles por outras de 5 metros.

Te puede interesar