O BNG alerta en Piñor da ‘escolma a dedo’ de catro técnicos para traballar no Concello

O anuncio para a contratación laboral temporal de catro traballadores no Concello de Piñor vén de xerar certa desconfianza no voceiro do BNG na Corporación, Xavier Saco Gómez.
O concelleiro nacionalista sinala que ‘a convocatoria de catro prazas dun diplomado ou licenciado en Empresarias, un administrativo e dous enxeñeiros técnicos de Informática e Tecnoloxía dos Alimentos non cumple os requisitos básicos de igualdade, mérito e capacidade’.

Neste sentido, Saco Gómez apunta que ‘a información deste concurso foi exposta nun taboleiro de anuncios da Casa do Concello que non está á vista e cun prazo de presentación de solicitudes de entre os pasados 6 e 11 de agosto’. Por outra banda, nas bases de contratación ‘contémplase que a selección do persoal será realizada polo xefe de Recursos Humanos da Corporación, que é o mesmo alcalde, e consistirá nunha entrevista’.

Listado

O rexedor de Piñor, o socialista Francisco Xosé Fraga, lembra que ‘istes son plans de cooperación ó emprego e na realidade é o Servizo Galego de Colocación quen fai o listado de candidatos e o remite ó Concello, e na entrevista nós limitámonos a comprobar o seu currículo’. Nembargantes, Xavier Saco asegura que ‘todo iste proceso é unha farsa disfrazada de legalidade e un claro atentado ó Estatuto básico do empregado público’. Engade que ‘consideramos que unha vez máis, o alcalde tenta rodearse de persoal escollido á dedo, continuando coa política clientelar que tantas veces el criticou, cunha oferta de emprego convocada de xeito engañoso’.


Te puede interesar