Carballiño reedita o Cantigueiro de Manuel María

O Concello puxo en marcha a programación do Día das Letras Galegas cunha exposición

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que definiu a Manuel María como “O poeta do Orcellón”, en consonancia co alcume de “Poeta da Terra Cha”, adiantou que o próximo 15 de abril vaise presentar nun acto público na Casa da Cultura a reedición do Cantigueiro de Orcellón, que dedicou o escritor a esta comarca, e que financia o Concello en colaboración coa Fundación Manuel María. Ao acto asistirá a viúva do poeta, Saleta Goy, e o historiador Felipe Senén, autor das ilustracións do cantigueiro. O rexedor referiuse a esta iniciativa durante a inauguración da exposición “Manuel María: a palabra viva”, que abre o programa das Letras Galegas 2016, e que permanecerá no Concello ata o 15 de abril.
Ao acto inaugural asistiron tamén o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, os portavoces do Partido Popular, Argimiro Marnotes, e de Alternativa Veciñal, Bernardo García, e a concelleira do PP, Pilar Caride.

A exposición, que consta de 25 paneis, amosa dun xeito didáctico  a vida e a obra de Manuel María, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. O alcalde referiuse ao intenso programa que ten elaborado o Concello e que, nunha parte importante, comprenderá actos vencellados coa obra poética que lle dedicou ás terras do Carballiño. A Concellería de Cultura xa remitiu información aos centros educativos da comarca, para que poidan planificar visitas, contando cun guía para recorrer o roteiro do Cantigueiro de Orcellón.

Te puede interesar