O CARBALLIÑO

A Carreira Solidaria espera superar os 500 participantes

Haberá unha proba para a categoría absoluta, cun percorrido de 10 quilómetros, e para outras categorías, incluída a dos nenos, con percorridos máis curtos. Comezará ás 11,00 horas, con saída e chegada á praza da Veracruz.

A X Carreira Solidaria do Arenteiro, que organiza o Concello do Carballiño para o 23 de decembro, estase consolidando como a segunda proba deste tipo máis importante da provincia, con máis de 500 participantes en anteriores edicións. Así o manifestou o vicepresidente do Club Atletismo Arenteiro, Luis Iglesias, durante o acto de presentación deste evento, que contou coa asistencia do concelleiro de Deportes, Manuel Dacal ,e representantes do Banco Mediolanum e de Cáritas. Os primeiros 500 participantes que se apunten recibirán unha camiseta e unha bolsa conmemorativa da proba. As inscricións poden facerse ata o próximo xoves na páxina web www.championchipnorte.com; e como é unha carreira solidaria, a organización insta a colaborar tanto a corredores como público en xeral aportando alimentos non perecedeiros, que se entregarán a Cáritas.

Haberá unha proba para a categoría absoluta, cun percorrido de 10 quilómetros, e para outras categorías, incluída a dos nenos, con percorridos máis curtos. Comezará ás 11,00 horas, con saída e chegada á praza da Veracruz.

Juan Estévez, en representación de Cáritas, agradeceu unha vez máis a iniciativa, e chamou a atención sobre as necesidades de axuda no Carballiño, asegurando que Cáritas atende a 197 familias (556 persoas), que son 70 familias máis que o pasado ano. Na carreira solidaria do 2017 conseguíronse máis de 600 kilos de alimentos. Dacal agradeceu a colaboración dos patrocinadores e do Club Atletismo Arenteiro.

Te puede interesar