O Concello de Boborás tramita a calificación dos novos aloxamentos

Catro casas integrarán a 'aldea turística' de Pazos

Dúas das casas restauradas en Pazos de Arenteiro -á dereita e ó fondo-. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
As catro vivendas antigas restauradas por talleres de emprego na localidade de Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, convertiranse nunha 'aldea turística' unha vez superados os trámites administrativos propostos polo Concello ante a Xunta.
Así, as 16 prazas que compoñen iste complexo de aloxamentos serán recalificadas como 'casas de turismo rural', xa que ata o momento só dispuñan da denominación de 'pensións rurais', autorizada pola Dirección Xeral de Turismo.

O alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño, explica que 'na nova normativa autonómica contémplase que este tipo de construccións, que están protexidas por Patrimonio, poidan ser obxecto de reformas para adaptalas para turismo rural', unhas modificacións que antes non estaban permitidas.


CONCESIÓN

Estas obras de acondicionamento supoñen a reposición de portas, fiestras e accesos, para a mellora do aislamento térmico das vivendas, así como a instalación de enerxía eléctrica, abastecemento e saneamento, istes últimos ó traverso de conexións coas redes existentes no casco urbán de Pazos. Unha empresa, Viñedos del Miño SL, que xa xestiona dende hai dous anos as 12 prazas de residencia ubicadas na antigua casa rectoral, tamén resultou se-la adxudicataria da explotación dos catro inmobles que integrarán a 'aldea turística', en virtude do concurso de concesión aprobado polo Concello de Boborás.

Cipriano Caamaño expón que 'estes aloxamentos aínda tardarán en abrirse debido ós trámites que leva a cabo Turismo'. O obxectivo do equipo municipal de goberno é que a concesionaria poida ofertar no futuro as 28 prazas totais de aloxamento de xeito conxunto. O alcalde lembra que a Xunta apostou, dende o ano 2000, 'pola recuperación do conxunto histórico e artístico de Pazos de Arenteiro , e por iso hai que rendabilizalo cunha promoción cara ós visitantes do noso municipio'.

Te puede interesar