Os comensais disfrazados terán desconto no xantar oficial da ’Festa da Cachucha’

Dacal e Gómez, co cartel, xunto a Ernesto Valeiras.
A ’Festa da Cachucha’ acada o vindeiro 3 de febreiro a súa decimocuarta edición no Carballiño, coincidindo co Domingo de Entroido. O Concello ofrecerá un xantar baixo carpa na Praza do Emigrante, cun desconto de cinco euros no menú para aquelas persoas que acudan disfrazadas.
O Entroido ten dende fai 14 anos a súa compoñente gastronómica na vila do Arenteiro, a ’Festa da Cachucha’, que organiza o Concello do Carballiño coa colaboración dunha ducia de establecementos hosteleiros.

O programa deste evento, que coincide na súa celebración coa data do domingo 3 de febreiro, foi presentado onte polos conce lleiros de Turismo, Manuel Dacal, e Festexos, Francisco Gómez, quen indicou que ’para nós é a festa máis importante do inverno e penso que está totalmente consolidada no almanaque cultural do municipio’.

No vindeiro Domingo de Entroido, unha carpa con capacidade para 300 persoas dará cobixo ó mediodía ó xantar oficial da festa, cun menú composto por cacheira, lacón, chourizo, carne cocida, verdura e patacas, seguido de postre, café e licores. As Adegas Rivera de Barbantes proporcionarán botellas de viño tinto da súa marca ’Mouchiño’, continuando co patrocinio xa iniciado na ’Festa do Polbo’.

O prezo do menú foi fixado en 17 euros para o público en xeral, pero rebáixase ata os 12 euros para aqueles comensais que acudan disfrazados ó recinto da Praza do Emigrante, nun xeito de fomentar o ambente do Entroido. Un total de 12 restaurantes e mesóns do casco urbán tamén ofrecerán un xantar típico nesa mesma data.


Te puede interesar