O Concello de Piñor atenderá aos escolares pola tarde

Este servizo finánciase integramente pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade

O Concello de Piñor abre o prazo de inscrición para o programa Piñor Concilia “Familias Tardías” para o curso escolar 2021-2022, que será gratuito para os usuarios. Este servizo finánciase integramente pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade.

“Familias Tardías” atende ós cativos dende a saída do colexio ata as 19,30 horas, de luns a venres, no Centro Social Albarona. Para elo, os participantes poderán cambiar a parada escolar para Albarona, onde o monitor os esperará para acompañalos ó Centro Social. Finalmente, deberán ser recollidos ás 19,30 horas polas familias. 

Como outros anos, ofrecerase apoio escolar diariamente ós cativos que cursen Primaria ou ESO, e o programa desenvolverase dende o luns 4 de outubro de 2021 ó 21 de xuño de 2022.

Seguirase o calendario escolar do colexio de referencia (CPI Virxe da Saleta), de maneira que os días non lectivos de carácter esporádico, “Familias Tardías” funcionará en horario de mañá, de 10,00 a 14,00 horas. Por outra banda, nos períodos vacacionais (Nadal, Semana Santa e Entroido), o Concello de Piñor ofrecerá outras actividades de conciliación de carácter máis lúdico.

Por motivos organizativos, o prazo de inscrición será ata o 30 de setembro. Toda persoa interesada debe acudir aos Servizos Sociais municipais, onde obterá máis información.

Te puede interesar