Corenta desempregados recuperarán nun ano as beiras do río Barbantiño en Punxín

LR- Un obradoiro de emprego integrado por 40 desempregados adicarase dende novembro á recuperación das beiras e dos sendeiros do río Barbantiño ó seu paso polo municipio de Punxín. Iste é un dos obxectivos do equipo de goberno socialista de Alfredo Cruz, que asegura ‘ter feio máis nestes 50 días de mandato cá o anterior en oito anos’. Neste sentido, o rexedor destaca o apoio de Medio Ambiente ‘para rematar cos verquidos coa instalación dun colector e unha estacíón depuradora de aguas residuais’.

Os veciños de Punxín e en particular o grupo municipal de goberno están de enhoraboa. E é que no Concello recibiron onte un vehículo todoterreo dotado con caixa para transporte de ferramentas ou calquera tipo de materiais e que tivo un custe de 22.000 euros. ‘Temos o compromiso das Consellerías de Presidencia e Medio Ambiente de financia-lo vehículo, xa que ata agora tiñamos que utilizar os nosos coches particulares’, sinala o alcalde Alfredo Cruz.

Esta é unha das xestións que levou a cabo recentemente o novo rexedor socialista, que obtivo a maioría absoluta o pasado 28 de maio ó acadar catro dos sete concelleiros da Corporación. ‘Nos 50 días de mandato conquerimos máis cousas cá o anterior goberno do PP en oito anos’, lembra Alfredo Cruz. Entre elas, destaca ‘a concesión por parte de Traballo dun obradoiro de emprego para 40 persoas desempregadas, que se poñerá en marcha no mes de novembro’.

Depuradora

As alumnas e alumnos que serán incorporadas a esta tarefa ‘adicaranse á recuperación das beiras e os sendeiros do río Barbantiño, que estivo sempre esquecido a pesares de posuir nas súas marxes un manantial termal, O Bañiño, na capitalidade municipal’. No mesmo sentido, o alcalde adianta que ‘imos rematar coa contaminación dos regatos e do mesmo río polos verquidos das fosas sépticas, xa que Medio Ambiente vai elaborar un proxecto de canalización das augas fecais coa construcción dun colector e unha estación depuradora’.

Por outra banda, o Concello de Punxín entregará a vindeira semana na Dirección Xeral de Urbanismo ‘o borrador do Plan Xeral de Ordenación, no que se corrixen defectos da anterior normativa para facilitar que calquera veciño non teña problemas á hora de edificar’.

Te puede interesar