Maís de 50 contos optan ó premio 'Modesto Figueiredo'

Un total de 51 relatos optan á XXXIX edición do Premio de narración curta 'Modesto Rodríguez Figueiredo', que neste ano organiza o Concello de Maside xuntamente co Padroado da Fundación 'Pedrón de Ouro'. Os participantes remitiron ou ben ó Padroado ou ben ó Concello de Maside os seus traballos, estando previsto o fallo o próximo día 14 de decembro, mentres a entrega dos premios terá lugar o 28 do mesmo mes na Casa de Cultura do Concello de Maside, ás 13,00 horas.
Nesta edición o xurado do premio está composto, a maiores do presidente e secretario (que son os mesmos da Fundación), por escritores de prestixio recoñecido no panorama literario nacional e que unen á súa calidade o valor engadido de que todos eles están vinculados coas terras e xentes de Maside.

Así, forman parte do xurado: Gonzalo Navaza Blanco, profesor titular da Universidade de Vigo, escritor, membro da Comisión de Toponimia de Galicia e membro correspondente da RAG; Cesáreo Sánchez Iglesias, funcionario do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Luis González Tosar, profesor de Lingua galega e Literatura e presidente do Pen Clube de Galicia e Isidro Novo, escritor.

Te puede interesar