Unha oficina atenderá as reclamacións por danos do temporal nas propiedades

A Área de Medio Ambiente do Concello do Carballiño vén de abrir unha oficina municipal co fin de atender as demandas de tódolos veciños que viron afectada-las súas propiedades polo temporal da pasada fin de semana.
A concelleira responsable deste departamento, María José Pérez, sinala que ‘nesta oficina recolleremos as reclamacións que formulen os propietarios, abrindo un expediente individualizado co obxectivo de contar con toda a documentación necesaria para que os nosos veciños sexan os primeiros en optar as liñas de axuda que convocarán as institucións’.

A edil socialista comenta que ‘os destrozos foron abundantes, sobre todo no rural do municipio, e pese a todo temos que dar gracias por que tan só se tratou de perdas materiais, practicamente en tódolos núcleos de poboación do concello, e é o noso desexo clasificar e cuantificar canto antes todas elas para axudar ós veciños a solicitar a axuda pertinente’.

Imaxes

Os axentes da área de Medio Ambiente recibirán as reclamacións veciñais, e posteriormente elaborarán un informe, desprazandose ata o propio lugar e obtendo imaxes fotográficas das estructuras afectadas. A oficina de atencións ós cidadáns estará ubicada nas dependencias do seu departamento, na parte traseira da Casa do Concello.


Te puede interesar