Un plan contra a violencia machista, a debate no pleno de Carballiño

Espazo Común propón a organización de charlas, conferencias e simposios

O grupo municipal Espazo Común defenderá no próximo pleno unha proposta para que se elabore un plan municipal contra a violencia de xénero. Sinala este grupo da oposición no Carballiño que “sabemos que a loita contra esta lacra vai para longo, pero temos que asegurarnos de que algún día rematará. Por iso, desde as administracións, debemos traballar a diario en tódolos frentes posibles, nenos e maiores, homes e mulleres. En tódolos ámbitos da vida: no traballo, no ocio, na cultura, no deporte ou nas asociacións”. 

Nese sentido, Espazo Común considera que “a concienciación e a sensibilización e, sobre todo, a educación en prol da igualdade e a visibilización do machismo dende os seus xestos máis pequenos é o xeito de construir unha sociedade na que as mulleres poidan ser libres, sen medo e vivas”.
En consecuencia, instan ao concello a que “poña o seu gran de area e se involucre nesta loita máis aló de facer actos nos días sinalados”. Así, os concelleiros deste grupo demandan un plan municipal contra a violencia machista que inclúa charlas, conferencias e simposios, en colaboración cos diferentes sectores da vila do ámbito da cultura, deporte, centros de ensino, empresas, asociacións; que traten e informen sobre as diferentes formas de violencia machista para que esta sexa recoñecida, “que se lles dea aos cidadáns ferramentas para loitar contra ela”, conclúen.

Te puede interesar