O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os concelleiros de Medio Ambiente e Seguridade, Rita Soto e Manuel Sotelo, respectivamente, visitaron o primeiro emprazamento do punto limpo móbil xunto ca representante da Asociación de Veciños de Arcos, Alsira Fernández. A intención é facilitar, in situ, o depósito dos residuos ós veciños e fomentar ó mesmo tempo a reciclaxe.
Desta maneira as poboacións máis afastadas do centro poderán contar cun método de recollida selectiva, evitarase o risco medioambiental ó eliminar os vertedeiros incontrolados de residuos domésticos perigosos e permitirá un maior coñecemento da reciclaxe por parte de usuarios e administración.
O camión grúa levará cada luns o depósito a un novo espazo do concello. Na actualidade o goberno local xa ten planificados os lugares para os próximos tres meses.